Senra empeza o campionato galego no Rally do Cocido pisando o acelerador
O gañador do título autonómico os oito últimos anos impúxose con 44 segundos de vantaxe sobre Alberto Meira
O piloto dumbriés Víctor Senra, oito veces gañador do campionato galego de rallys, comezou con vitoria a temporada de 2025. Impúxose no Rally do Cocido con 44 segundos de vantaxe sobre Alberto Meira e 58 sobre Dani Berdomás. Os tres primeiros clasificados tiveron unha dura batalla desde o primeiro treito (Staroil-O Couto).
Comezou con forza Víctor Senra que se impuxo nos tres primeiros treitos cronometrados. A súa vitoria asentouse no TC2 no que lle sacou máis de 25 segundos a Berdomás, segundo clasificado. O propio Berdomás impúxose no TC4 antes de dar paso a outra serie de treitos con dominio de Senra que en Saborida (TC7) lle sacaba máis dun minuto a Meira e Berdomás, os dous no mesmo segundo.
O gañador decidiu non arriscar nos últimos tres treitos que gañou Alberto Meira nun gran duelo con Berdomás polo segundo chanzo do podio.