Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Sica', 'Matria' e 'Samsara': o cine galego chega á Berlinale

'Sica', 'Matria' e 'Samsara': o cine galego chega á Berlinale

A catalá Carla Subirana rodou con adolescentes da Costa da Morte para Sica, a súa primeira ficción coa colaboración de TVG

Álvaro Gago presenta, coa participación da TVG, a versión longa de Matria, coa actriz María Vázquez

Lois Patiño participa de novo en Berlín con Samsara, unha película sensorial sobre a reencarnación

G24.gal 17/02/2023 08:45 Última actualización 17/02/2023 10:33

Este xoves comezou na capital alemá a 73ª edición da Berlinale, o Festival Internacional de Cine de Berlín, unha das tres grandes citas europeas xunto con Venecia e Cannes. O cine galego estará moi ben representado por tres filmes: Sica, de Carla Subirana, e Matria, de Álvaro Gago, ambas con participación da Televisión de Galicia; e Samsara de Lois Patiño. Un fito xa histórico para o noso cinema. 

A primeira que pasará polas salas berlinesas na tarde deste venres será Matria. Álvaro Gago continúa así a historia de Ramona, que comezou como unha curtametraxe no 2017. A versión longa, que chegará aos cines galegos a finais de marzo, está protagonizada por María Vázquez e pon no centro do debate o patriarcado silencioso, a precariedade laboral das mulleres e a crise dos coidados. 

O domingo será a quenda de Sica, primeira obra de ficción da directora catalá Carla Subirana, rodada en galego, na Costa da Morte, e con adolescentes da zona. A súa protagonista é unha moza de 14 anos obsesionada con recuperar o corpo do seu pai perdido no mar. A nosa relación coa natureza está tamén no centro do filme.

O último en estrearse en Berlín será Lois Patiño, que por outro lado é xa un creador experimentado do festival, onde participou con anterioridade con Lúa Vermella ou El sembrador de estrellas. Desta volta presenta Samsara, unha inspiración do ciclo budista da reencarnación rodada en Laos. Unha experiencia sensorial que en parte poderá gozarse cos ollos pechados.

Tres propostas ben diferentes que sitúan a Galicia no foco cultural berlinés, e que mostran a forza dos nosos creadores e da nosa lingua para contar historias galegas e universais. Tres películas que nos vindeiros meses poderemos ver nas nosas salas de cine.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade