Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez presume de paz social e acusa o PP e Cs de anunciar unha apocalipse

Sánchez presume de paz social e acusa o PP e Cs de anunciar unha apocalipse

Cuca Gamarra e Inés Arrimadas botáronlle en cara os seus pactos con EH Bildu e os independentistas cataláns

O presidente do Executivo defendeu a súa xestión económica e os acordos do diálogo social

Nadia Calviño avanza que a economía española seguirá medrando no segundo trimestre do ano

G24.gal 10/05/2023 08:48 Última actualización 10/05/2023 15:13

Este mércores a sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados ten lugar na recta final da precampaña electoral para o 28M. A comparecencia de Pedro Sánchez estivo marcada por unha nova discrepancia interna na coalición de Goberno a conta dos avais públicos á compra de vivenda para os mozos aprobados xa polo Executivo.

Na súa primeira intervención, Cuca Gamarra díxolle ao presidente do Goberno que "desde o falcón ve os problemas dos españois moi pequenos" e pregúntalle se o seu Goberno "sabe resolver realmente os problemas dos españois para poñer de relevo as longas listas de espera e o "colapso" das Administracións.

"Conseguir unha cita no Ministerio de Xustiza ten unha lista de espera duns 67 días; na Seguridade Social, de 55; no Ministerio do Interior non baixa de 42 días. É esta a eficacia da que presume o seu Goberno? Pensa facer algo para arranxalo? Considera que o seu Goberno sabe resolver os problemas dos españois?", preguntáballe Cuca Gamarra ao presidente Pedro Sánchez.

Pedro Sánchez defendeuse dos ataques de Cuca Gamarra afirmando que este mércores asinarase o acordo entre a patronal e os sindicatos para subir os salarios e recupérase a "paz social" porque hai "diálogo social".

"Este Congreso aprobou unha reforma laboral que recuperou o diálogo social que o PP desmantelara. Este acordo salarial mais os 45.000 millóns de euros que poñemos desde o inicio da guerra para protexer a clase media traballadora do país, mais os fondos europeos, están creando un marco de estabilidade e garantía para que España siga medrando e creando emprego como o está facendo", argumentou o presidente do Goberno desde o atril. 

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, diríxese a Sánchez na súa segunda intervención no hemiciclo para dicirlle que as reformas do Goberno só beneficiaron os seus socios, "os corruptos, os ocupas, os agresores sexuais, os golpistas indultados ou fugados".

"Vostede concibe a democracia como un zoco onde todo se compra e se vende, mesmo os seus socios e a calquera prezo. Con tal de manterse na Moncloa paga incluso a Bildu, que se presenta ás eleccións con 44 terroristas nas súas listas electorais, ese é o cartel co que se presenta o PSOE para o vindeiro 28 de maio", dille Gamarra ao presidente do Goberno.

Pedro Sánchez finaliza a súa confrontación con Gamarra recordando que o PP "anunciou un outono quente, pero o que estamos vendo é que España é o país da UE con maior paz social, por iso eu comprendo a súa frustración e só se refuxian no insulto e na descualificación e na ameaza de desmantelar".

"O PP só propón derrogar leis para retroceder ao ano 2013 anunciando a derrogación da lei de vivenda, da lei de ciencia e da lei de educación, da reforma laboral e xa veremos da reforma das pensións porque vostedes non son claros. Vostedes só propoñen derrogar, pero están equivocados porque os cidadáns sempre que tiveron que escoller entre avanzar e retroceder, sempre escolleron avanzar", manifestou Pedro Sánchez na súa intervención.

O PP tamén denunciou que Sánchez converta a política nunha "tómbola de anuncios e promesas" que "vai incumprir".

"Calquera día sorprende repartindo as zapatillas Keli Finder da ministra Trujillo", dixo con retranca Cuca Gamarra, lembrando as que repartiu a ministra socialista de Vivenda en 2006 para buscar piso e promover as súas políticas.

Na sesión de control lanzáronse tamén acusacións de electoralismo ás que se sumou Ciudadanos. Inés Arrimadas asegurou que, ao final da campaña, veremos a Pedro Sánchez "dicir que votar o PSOE desgrava".

Nadia Calviño este mércores na sesión de control ao Goberno Nadia Calviño este mércores na sesión de control ao Goberno

E críticas tamén, a dúas bandas, do voceiro de ERC, Gabriel Rufián, que cre que a realidade económica do país non está "entre a apocalipse económica que di a dereita e o Eurodisney que din os socialistas"

Pero o Goberno mantense optimista. A número dous, a vicepresidenta Nadia Calviño insiste en que España é das economías que máis medra na eurozona e avanzou que o datos apuntan a que no segundo trimestre do ano continuará ese "forte crecemento".

Dende o PP, o deputado Carlos Rojas acusou o Goberno de "mentir" e á ministra de Asuntos Económicos de "pintar empregos nas estatísticas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade