Situación dramática para Breogán e Obradoiro na pelexa por se manteren na ACB
Situación dramática para Breogán e Obradoiro na pelexa por se manteren na ACB
As derrotas desta fin de semana unidas á vitoria do Granada deixan os dous galegos coa auga ao pescozo
A situación de Breogán e Obradoiro leva tempo sendo complicada, pero logo dos resultados desta fin de semana virou en dramática. Con sete partidos por diante, o Breogán está en postos de descenso e o Obradoiro, cos mesmos triunfos ca os lucenses, só se salvan por mellor basket average ca os seus veciños.
O Breogán afrontará a vindeira xornada un partido dramático ante o Palencia que ten que gañar a toda custa. Quédanlle outros dous duelos directos contra equipos que ten a tiro: o Granada e o Andorra. Os outros catro partidos serán fronte a Baskonia e UCAM Murcia como visitante e contra Gran Canaria e Tenerife no Pazo. Catro dos sete partidos serán na casa, un punto ao que se aferran os de Mrsic.
Non está moito mellor o Obradoiro, tamén con sete vitorias e vinte derrotas. A diferenza do Breogán, terá que afrontar catro partidos lonxe do Sar e tamén lle quedan dous duelos directos, contra Andorra (na casa) e na pista de Palencia. Antes desas dúas citas terá que sacar algo positivo fronte a Zaragoza, Manresa, Bilbao ou Real Madrid se non quere chegar á antepenúltima xornada coa necesidade imperiosa de gañar. A Liga Regular remataraa contra o Joventut.