Smartz4milk, un proxecto de futuro orientado a modernizar e dixitalizar o sector lácteo
Smartz4milk, un proxecto de futuro orientado a modernizar e dixitalizar o sector lácteo
O proxecto está promovido por Clusaga (Agrupación industrial Alimentaria de Galicia) e liderado polo Grupo Lence
Galicia é a principal produtora de leite de España e sitúase entre as dez primeiras de Europa
Smartz4milk, o proxecto ideado para impulsar a transformación do sector lácteo, promovido por Clusaga (Agrupación industrial Alimentaria de Galicia) e liderado polo Grupo Lence, contou co decidido apoio das administracións na súa presentación institucional na mañá deste martes en Santiago de Compostela.
A iniciativa enmárcase no PERTE agroalimentario, do que xa recibiu 9,7 millóns de euros, e persegue solucións tecnolóxicas para mellorar a rastrexabilidade dos produtos desde as granxas ata que chegan aos consumidores, así como reducir os residuos e emisións do sector e mellorar a rendibilidade das explotacións.
Caracterizado pola colaboración público-privada entre organismos de varias comunidades autónomas e de diferentes áreas de actividade, Smartz4milk aglutina case unha vintena de empresas da industria, centros tecnolóxicos e de coñecemento.
No acto de presentación institucional celebrado hoxe interviñeron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e contou coa presenza das conselleiras de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e de Medio Rural, María José Gómez.
Smartz4milk ten como obxectivo principal transformar o sector lácteo minimizando o seu impacto na contorna, reducindo o desperdicio alimentario, dixitalizando ao máximo os seus procesos para optimizar as plantas e afrontando o reto de descarbonización en toda a cadea de valor, pero sen descoidar a importancia da calidade para que o leite continúe sendo parte fundamental dunha dieta saudable.
Como destacou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, o obxectivo do proxecto, no que ademais de Galicia colaboran outras catro comunidades (Asturias, Cantabria, Andalucía e Cataluña), é que o sector primario galego se suba "ao tren do futuro" sen perder "a súa esencia e tradición".
Rueda puxo de manifesto a relevancia do sector lácteo de Galicia que sitúa esta comunidade como principal produtora de leite de España e entre as dez primeiras de Europa, e lembrou que desde a Xunta apóiase o sector lácteo cunha estratexia de dinamización propia ou ferramentas dixitais para facilitar a xestión das explotacións, ademais de contar coa Oficina Económica de Galicia para informar e asesorar as empresas sobre os fondos europeos.
Pola súa banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, celebrou o grande avance que supón o arranque do proxecto Smartz4milk para o presente e o futuro da industria láctea galega, e cualificouno como un "verdadeiro exemplo" á hora de crear sinerxías entre o mundo académico, científico e industrial.
Referiuse Blanco aos retos que ten por diante o sector agroalimentario galego, "referente en Europa", afirmou, como o de camiñar cara a modelos de produción sostibles, competitivos e rendibles.
"Nese camiño atopará, para impulsalo, o Goberno de España", destacou.
"É moi importante que os prezos dos nosos produtos se paguen polo que valen"
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez lembro a importancia do "equilibrio que debe existir" entre os sectores primario, secundario e terciario para o correcto desenvolvemento económico da comunidade galega.