Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sobe o prezo do leite, pero de xeito desigual segundo o tamaño das ganderías

Sobe o prezo do leite, pero de xeito desigual segundo o tamaño das ganderías

As granxas de menor tamaño reciben ata 15 céntimos menos polo litro de leite

Unións Agrarias pide que as industrias corrixan o diferencial e que todas se beneficien da suba de prezos

G24.gal 06/12/2022 14:39

A caída da produción láctea desatou a loita das industrias por comprar materia prima e disparou os prezos ata os 53 céntimos litro. Pero esa é unha media, na que as granxas con menor volume de produción están a recibir ata 15 céntimos menos cás grandes.

"Os grandes, que xa teñen máis capacidade de negociación nas compras, sóbenlles máis o leite, e os máis pequenos sempre imos arrastrados, á cola nos prezos" explica Emilio Cores Fernández, gandeiro dunha pequena explotación de Oroso. 

"Facemos un chamamento a que se corrixa ese diferencial e que todas as explotacións se beneficien dunha situación histórica na que, por vez primeira, os prezos se recuperan de forma importante despois da suba de custos", engade Óscar Pose, o responsable do sector lácteo en Unións Agrarias.

Os custos de produción, sobre todo os da alimentación, comezan a estabilizarse despois de meses críticos. Agora precisan que a suba do leite chegue a todas as granxas para que podan compensar o déficit acumulado e que ningunha máis quede no camiño.

"Foi unha situación insoportable,  primeiro subiu a luz, despois os cereais pola guerra e houbo que sacrificar animais para que a conta de resultados dera positivo ou cero, non perder cartos", recorda o gandeiro.

Agora non e doado atopar recría nin xovencas para volver aumentar produción. Así que a previsión é que as industrias teñan que seguir mellorando os contratos nos próximos meses.

"É difícil aventurarse pero calculamos que a media debería subir aos 56 céntimos no próximo mes", di Óscar Pose.

Agardan que a suba sexa duradeira e xeneralizada para que, independentemente do tamaño, todas as ganderías podan beneficiarse de que despois de tempos duros o vento sopra ao seu favor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade