Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suecia ingresa oficialmente na OTAN

Suecia ingresa oficialmente na OTAN

O documento de acceso á Alianza Atlántica presentouse este xoves en Washington

G24.gal 07/03/2024 17:43 Última actualización 07/03/2024 20:05

Suecia ingresou oficialmente hoxe na OTAN ao despositar en Washington o documento de acceso á Alianza Atlántica.

O primeiro ministro sueco Ulf Kristersson fixo entrega do instrumento de acceso ao secretario de Estado dos Estados Unidos Antony Blinken, en Washington, co que se certifica a súa histórica entrada na alianza. 

A entrada de Suecia na OTAN, formalizada este xoves, supón que todos os países nórdicos estarán baixo o paraugas da OTAN, que reforza así o seu control sobre todo o mar Báltico.

"A OTAN é agora máis forte que nunca", dixo o secretario de Estado de Estados Unidos Antony Blinken.

"Suecia ten unha historia de 200 anos de non aliñación e antes da invasión rusa de Ucraína menos dun de cada tres suecos apoiaba o ingreso", lembrou Blinken.

"Daquela todo cambiou: despois da invasión ata tres de cada catro suecos quería esta incorporación", engadiu o xefe da diplomacia estadounidense. "O pobo sueco púxose de pé e apoia non só pola defensa do seu país senón pola responsabilidade común de todos pola paz".

"Hoxe é un día de vitoria para a liberdade. Suecia tomou unha decisión libre, democrática e soberana", asegurou o primeiro ministro sueco Ulf Kristersson. 

O primeiro ministro agradeceu o apoio bipartidista no Congreso dos EUA e ao presidente Joe Biden e os outros membros da alianza por este ingreso.

Adeus a dous séculos de non aliñación militar

Coa recepción do protocolo de adhesión á Alianza por parte do Departamento de Estado en Washington, Suecia culmina o seu xiro en materia de política exterior e clausura dous séculos de non aliñación militar.

Suecia, que se converte así no membro número 32, xa fora dando pasos para achegarse á OTAN desde hai tres décadas, coincidindo co fin da Guerra Fría, como subscribir a iniciativa Asociación Pola Paz da Alianza, o que permitiu a participación de soldados suecos nas misións de Kosovo e Afganistán.

A anexión de Crimea por Rusia en 2014 foi o argumento usado para estreitar aínda máis a relación, permitindo por exemplo por primeira vez a presenza no seu territorio de tropas da Alianza para facer manobras conxuntas, ademais de provocar a reinstauración do servizo militar e o envío dun destacamento permanente á illa báltica de Gotland.

Pero foi o inicio da intervención militar en Ucraína en febreiro de 2022 o que desencadeou un proceso, da man de Finlandia, que culminou tres meses despois co envío dunha solicitude de ingreso.

Para iso foi necesario que dúas das tres principais forzas parlamentarias, os socialdemócratas e os ultradereitistas Demócratas de Suecia, modificasen a súa política contraria á OTAN, cambiando a orde de forzas na Cámara sobre esa cuestión.

O ingreso de ambos os países foi ratificado en xuño dese ano no cume da Alianza en Madrid, pero as reticencias de Turquía e Hungría provocaron que se demorase un ano, no caso de Finlandia, e case dous, no de Suecia.

Turquía esgrimiu a "permisividade" de Estocolmo co exilio kurdo e a guerrilla do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), mentres esperaba a que os Estados Unidos autorizasen a venda de cazas F-16.

No caso de Budapest, aludiuse a críticas anteriores de Suecia ao Goberno húngaro, aínda que finalmente o seu Parlamento, o único que faltaba dos 31 países membros da OTAN, ratificou hai dúas semanas o ingreso sueco.

Suecia conta cunha forza duns 25.000 soldados, unha potente industria militar e a forza aérea máis grande dos países nórdicos, cun centenar de cazas, ademais da illa de Gotland, a maior de todo o Báltico e de gran valor estratéxico.

O reforzo do control da OTAN sobre o Báltico afectará tamén á capacidade de movemento da frota rusa en San Petersburgo e Kaliningrado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade