A portavoz da embaixada israelí en España denuncia "unha campaña de deslexitimización de Israel"
A portavoz da embaixada israelí en España denuncia "unha campaña de deslexitimización de Israel"
A Tal Itzhakov preocúpanlle manifestacións como a do Movemento Masar Badil, onte en Madrid, que fan apoloxía do terrorismo
Cre que o recoñecemento do Estado Palestino é "un trofeo ao terrorismo"
A portavoz da embaixada de Israel en España, Tal Itzhakov, lembraba esta mañá no Galicia por diante, os ataques de Hamas que, hai xusto un ano, deixaron máis dun milleiro de mortos en territorio israelí. Destacou que aínda hoxe "hai un cento de nenos, mulleres, homes secuestrados e en mans de Hamas en Gaza", e milleiros de cidadáns evacuados seguen sen poder regresar ás súas casas.
Tralas mobilizacións desta fin de semana en varias cidades españolas contra o xenocidio en Gaza, a portavoz da embaixada amosaba a súa preocupación por actos como o celebrado en Madrid polo movemento Masar Badil vinculado, dixo, a organizacións terroristas: "Celebraron a brutal masacre terrorista do 7 de outubro".
Tal Itzhakov asegura que a "onda de antisemitismo" está medrando non só en España senón a nivel mundial e debe preocupar a "toda a sociedade porque esa ola escura debilita a democracia".
Ante a escalda bélica en Oriente Próximo, a portavoz da embaixada israelí en España defende a actuación do seu país "de acordo ás leis internacionais". Asegura que "estamos vendo unha campaña de deslexitimización de Israel" cando o seu país, asegura, fai todo o posible "para asegurar a paz".
Lamenta, neste sentido, que países como España recoñezan o "Estado palestino", que considera un "trofeo ao terrorismo". A conclusión que tira é que "un masacre terrorista tan brutal conseguiu un logro político para Hamas", pero non cambiou nada na práctica: "Os secuestrados seguen en Gaza, a guerra segue, Irán está usando as súas extensións como un anel de fogo...".
A portavoz da embaixada israelí cre que se os esforzos diplomáticos se dirixisen a meterlle presión a Hamas, "a guerra podería rematar".