Publicador de contidos

Publicador de contidos

The Chemical Brothers e C. Tangana encabezan O Son do Camiño

The Chemical Brothers e C. Tangana encabezan O Son do Camiño

O festival celebrarase entre o 16 e o 18 de xuño

O 9 de marzo poñeranse á venda novas entradas

G24.gal 02/03/2022 16:11

O festival O Son do Camiño anunciou este mércores a primeira quenda de confirmacións da súa edición deste ano, que virará máis que nunca cara aos sons do pop latino.

The Chemical Brothers serán os grandes protagonistas da xornada do xoves 16 de xuño, que abrirá un festival que se prolongará ata o sábado 18, e na que estarán acompañados no escenario principal pola banda inglesa de rock alternativo Foals e polo artista madrileño C. Boureo.

Ese mesmo día tamén actuarán no recinto do Monte do Gozo artistas latinos internacionais como Jhay Cortez e Sebastián Yatra, xunto a un clásico do hip hop en español como Kase.O e outras propostas nacionais como o pop bailable de Lola Índigo, o folk de Guadi Galego, o R&B de Sen Senra ou o trap rural de Boyanka Kostova.

A continuación, o venres 17 será a quenda para que o exvocalista da clásica banda de britpop Oasis, Liam Gallagher, tome o protagonismo co seu proxecto en solitario dunha xornada en que estará escoltado polo controvertido reggaetoneiro portorriqueño Anuel AA e polos sons electrónicos do dúo francés Justice. Tamén destacan entre a nómina de confirmados para este día Editors, Duki, Justin Quiles, Anne- Marie ou Timmy Trumpet; xunto a outros nomes locais como Budiño, Kings of the Beach ou Wöyza & The Galician Messengers.

Por último, a xornada final contará co DJ neerlandés Tiësto como principal reclamo, xunto ao cantante estadounidense Jason Derulo e a artista arxentina Nathy Peluso, que compartirá cita cos seus compatriotas Khea e Nicki Nicole

Este día tamén haberá espazo para artistas nacionais, entre os que destacan a volta aos escenarios do exvocalista do Canto del Loco, Dani Martín, o pop de Rigoberta Bandini, as cancións con corte folk da Marabillosa Orquestra do Alcol, a proposta ruidista de Triángulo de Amor Bizarro ou o rock existencialista da banda Carolina Durante.

Venda de entradas a partir do 9 de marzo

Á espera de novas confirmacións, a organización do festival anunciou que o día 9 de marzo poñeranse á venda novas entradas, con prezos aínda por detallar, despois de que a anterior convocatoria esgotase todos os billetes. Estes tíckets seguen vixentes para a edición actual, dado que por mor da pandemia de covid-19 aquela cita non chegou a celebrarse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade