Remata o Son do Camiño tras tres días cunha cincuentena de artistas e case 130.000 asistentes
Remata o Son do Camiño tras tres días cunha cincuentena de artistas e case 130.000 asistentes
Ana Mena, Melendi ou Jared Leto co seu grupo, canda diferentes DJ, puxéronlle o ramo a un festival que deixou unha gran pegada en Compostela
48 artistas en 3 escenarios diferentes pasaron polo Son do Camiño no Monte do Gozo en Compostela durante os últimos tres días.
E atraídas pola cita musical ata o lugar desprazáronse case 130.000 persoas, unhas 42.000 cada unha das xornadas do festival.
O encargado de pechar esta quinta edición do Festival foi o DJ Vitalic Live, que pinchou ata case as 4 da madrugada deste domingo. Unha edición protagonizada, entre outros, por grupos de renome como Green Day, La Oreja de Van Gogh, Mike Towers, Pet Shop Boys ou Ana Mena, que estivo no escenario o sábado pola tarde.
Logo subiuse ao escenario Melendi que lle deu paso na noite do sábado a outro dos pratos fortes da edición: Thirty seconds to Mars, o grupo que conta con Jared Leto á fronte. O seu rock alternativo fixo vibrar os milleiros de asistentes ao seu concerto.
A banda formada en 1998, e que tamén integra o irmán de Leto, Shannon, lanzou varios álbums de éxito, como A Beautiful Lie e This Is War. Coñecidos polas súas letras introspectivas e as súas poderosas presentacións en vivo, Thirty Seconds to Mars conta cunha base de seguidores leais en todo o mundo.
A súa música combina elementos de rock, electrónica e música experimental, o que lles permitiu destacar na industria musical.