Zelenski acusa a Rusia de apoiar o terrorismo tras o masacre de Izium
Zelenski acusa a Rusia de apoiar o terrorismo tras o masacre de Izium
Atopadas máis de 400 tumbas nas zonas das que foron expulsadas as tropas rusas
As autoridades e os especialistas ucraínos seguen sacando cadáveres das foxas descubertas na rexión de Khárkiv, preto da cidade estratéxica de Izium. Segundo o presidente de Ucraína, nas zonas das que conseguiron expulsar os invasores rusos están atopando evidencias de crimes de guerra.
"O mundo debe ver o que deixou tras de si o exército ruso, outra foxa chea de persoas asasinadas, nenos e adultos, civís e militares. Torturados, tiroteados, asasinados nos bombardeos. Hai ata familias enteiras enterradas alí", asegura Volódimir Zelensky.
Cámaras de tortura
Ata o momento nos montes de Izium atoparon 440 tumbas e unha ducia de presuntas cámaras de tortura empregadas polas tropas rusas. O presidente ucraíno di que as evidencias atopadas permiten cualificar a Rusia como un Estado que apoia o terrorismo.
"Diríxome a todos, os Estados Unidos e Europa, políticos e sociedades, á ONU e ás outras organizacións internacionais, líderes dos Estados e a toda persoa común que valore a vida. Hoxe temos que recoñecer a verdade, recoñecendo a Rusia como un Estado patrocinador do terrorismo", dixo o presidente de Ucraína.
A ONU vai investigar as foxas
Inspectores do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos van visitar a zona das foxas de Izium para investigar que pasou.
Rusia nega os crimes de guerra
Pola súa banda, Rusia nega que as súas tropas cometesen crimes de guerra en Ucraína. Desde Samarcanda, o presidente ruso, Vladimir Putin, afirmou que operación segue adiante, e que as tropas rusas están conquistando terreo na zona do Donbás.