Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump di que a UE se formou para fastidiar os EUA e ameaza con aranceis do 25 %

Trump di que a UE se formou para fastidiar os EUA e ameaza con aranceis do 25 %

A Unión Europea subliñou que reaccionará con firmeza e de inmediato se os Estados Unidos aplican finalmente os aranceis 

O presidente dos EUA aínda non confirmou cando se executarían as taxas aos produtos europeos

O presidente Donald Trump / Daniel Torok / Europa Press O presidente Donald Trump / Daniel Torok / Europa Press
G24.gal 26/02/2025 22:19 Última actualización 27/02/2025 00:06

O presidente estadounidense Donald Trump afirmou que a Unión Europea se formou para fastidiar os Estados Unidos e sinalou que os aranceis previstos para o bloque comunitario andarán polo 25 %.

"Sexamos honestos, a Unión Europea formouse para foder a Estados Unidos. Ese é o propósito e fixérono ben, pero agora eu son o presidente", dixo na primeira reunión de gabinete do seu segundo mandato, iniciado o 20 de xaneiro.

Trump destacou que o seu país ten un déficit próximo aos 300.000 millóns de dólares co bloque comunitario. De feito, en 2024 Estados Unidos rexistrou un déficit comercial de bens coa Unión Europea de 235.600 millóns de dólares.

"Tomamos unha decisión. Anunciarémola moi pronto e será do 25 % en xeral para coches e outras cousas", recalcou.

O presidente criticou que os europeos non acepten produtos estadounidenses.

"Non aceptan, esencialmente, os nosos produtos agrícolas. Usan todo tipo de razóns. E nós aceptámolas todas e temos un déficit de arredor de 300.000 millóns de dólares coa Unión Europea", afirmou. 

Resposta da Unión Europea 

A Unión Europea subliñou que reaccionará con firmeza e de inmediato se Estados Unidos aplica finalmente os aranceis anunciados a importacións de produtos europeos, pero insistiu en que defende o diálogo para preservar as oportunidades para os cidadáns e as empresas.

Olof Gill, o portavoz de Comercio da Comisión Europea, defendeu que a Unión Europea é o maior mercado libre do mundo e foi beneficioso para os Estados Unidos.

"Ao crear un mercado único, grande e integrado, a UE facilitou o comercio, reduciu os custos para os exportadores estadounidenses e harmonizou as normas e regulamentos en 27 países”, recalcou Gill.

Como resultado, indicou que os investimentos estadounidenses en Europa son moi rendibles.

“As empresas estadounidenses puideron investir e xerar ingresos substanciais, precisamente porque a UE é un mercado grande e unificado que é bo para os negocios”, subliñou.

O portavoz sinalou que este é tamén un factor clave que contribúe a que o comercio transatlántico de bens e servizos ascenda a máis de 1,5 billóns de dólares anuais, o cal supón a maior relación bilateral de comercio e investimento do mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos