Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ucraína denuncia que Rusia matou 56 persoas nun fogar de anciáns

Ucraína denuncia que Rusia matou 56 persoas nun fogar de anciáns

Tamén acusa o Kremlin de bombardear unha escola con 400 civís dentro

Este luns poderían retomarse as conversas telemáticas entre Moscova e Kíiv

G24.gal 20/03/2022 20:55

Ucraína deu conta de máis ataques a obxectivos civís por parte de Rusia. Entre eles, o bombardeo dun fogar para maiores no leste, na rexión de Luhansk. Asegura que morreron alí polo menos 56 persoas e que as tropas rusas secuestraron quince superviventes para levalos a territorio ocupado.

En Kíiv, o alcalde denunciou que as bombas inimigas deixaron varios feridos nunha zona residencial próxima a unha gardería. O rexedor subliñou que queren aterrorizar a xente pero que os ucraínos non lles teñen medo.

Do sur do país chegaron imaxes de cidadáns de a pé facendo retroceder, ao berro de "marchade para a casa", dous vehículos militares coa letra zeta das forzas rusas. 

Ucraína asegura que as posicións están practicamente conxeladas, que Rusia non logra avanzar e que en consecuencia entrou nunha fase de represión.

Rusia limitouse a informar da destrución de varios obxectivos militares, entre eles unha base preto de Belarús, onde di que se adestraban mercenarios estranxeiros, e un almacén de combustible para blindados no sur.

Conversas telemáticas

As partes poderían retomar as conversas telemáticas este luns. Turquía afirma que aproximaron posturas e ve posible un alto o fogo para que Putin e Zelenski cheguen a un acordo, pero os Estados Unidos poñen en dúbida a vontade rusa de negociar.

O presidente ucraíno, que evocou o Holocausto ante o parlamento de Israel para pedir o apoio dese país, afirmou que está preparado para falar co ruso, aínda que descarta calquera compromiso que afecte á integridade territorial de Ucraína.

A ONU confirmou xa 902 civís mortos e preto de 1.500 feridos, pero recoñece que a cifra real é maior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade