Ucraína afirma que mantén posicións e anuncia éxitos futuros na fronte
Ucraína afirma que mantén posicións e anuncia éxitos futuros na fronte
Zelenski recoñece que a loita é feroz no Donbás
Os combates non dan tregua no leste de Ucraína. Volodímir Zelenski di que son feroces na rexión de Donetsk. Afirma que en 24 horas o seu exército repeleu un cento de ataques alí e asegura que, ademais de manter posicións nesta e no resto das frontes, prepárase para facer avances.
O presidente non especifica en que áreas, podería ser cara ao sur, onde seguen á procura da totalidade da rexión de Khersón. Rusia teme o avance ucraíno nesta fronte porque despexaría o camiño a Crimea. As autoridades da península anexionada por Moscova en 2014 anunciaron que estaban fortificándoa.
Crimes de guerra
As partes volveron acusarse de crimes de guerra. Kíiv dixo que atopara centros de tortura na cidade de Khersón, onde os rusos tiveran confinados mesmo adolescentes. Paralelamente, Moscova anunciou unha investigación pola presunta execución de once militares seus capturados en Luhansk.
A OTAN tamén elevou unha queixa. Segundo explicou, dous cazas rusos sobrevoaron a escasa distancia e co conseguinte perigo uns buques da Alianza que realizaban operacións rutineiras no mar Báltico.