Zelenski recoñece a contraofensiva ucraína tras unha semana de ataques
Zelenski recoñece a contraofensiva ucraína tras unha semana de ataques
Os ataques ucraínos multiplicáronse na última semana nas frontes de Donetsk e Zaporijia
Khersón é a grande incógnita tras a rotura da presa de Kajovka, que asolagou centos de quilómetros
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, recoñeceu este sábado por primeira vez que a contraofensiva xa está en marcha. Os ataques ucraínos multiplicáronse na última semana nas frontes de Donetsk e Zaporijia, onde Rusia asegura estar a repeler decenas de ofensivas a diario.
"Están a levarse a cabo acciones defensivas e contraofensivas en Ucraína (...)", dixo o xefe de Estado ucraíno nunha rolda de prensa co primeiro ministro do Canadá, Justin Trudeau, quen visitou por sorpresa Kíiv.
Zelenski non quixo revelar a fase na que se atopa a contraofensiva nin o alcance, pero asegura estar en contacto diario cos comandantes a cargo de "varias frontes" e que "todo o mundo ten un espírito positivo".
"Poden dicirllo a Putin", sinalou con sorna o mandatario.
O que se sabe por boca de Kíiv é que hai "operacións ofensivas nalgunhas direccións", especialmente en Bajmut, "batallas" no sur de Donetsk, é dicir, en dirección de Zaporijia, e "accións defensivas" de Rusia en Oríjiv, no centro desta provincia.
Zaporijia é clave para Ucraína
Oríjiv, con 14.000 habitantes antes da guerra, atópase a uns 100 quilómetros ao norte das cidades ocupadas de Melitópol e Berdiansk, ás beiras do mar de Azov.
A recuperación destas localidades permitiría a Ucraína cortar o corredor terrestre que Rusia logrou crear o ano pasado desde o Donbás ata a anexionada península de Crimea, obxectivo declarado das tropas ucraínas.
Por esta razón, todos os ollos están postos na fronte de Zaporijia, incluídos os dos rusos, que afirman que Kíiv despregou alí máis de 100.000 soldados, aínda que só un "pequeno grupo" está participando actualmente na ofensiva.
Rusia asegura que as forzas ucraínas non conseguen romper as súas defensas nin no sur de Donetsk nin en Zaporijia.
Avances ou ataques errados?
Desde hai unha semana Moscova afirma que as súas tropas repelen a diario unha decena de ataques ucraínos nestas dúas frontes.
Ademais, asegura que eliminaron centos de soldados inimigos e equipo bélico occidental como tanques Leopard de fabricación alemá ou vehículos de combate de infantería Bradley estadounidenses.
Malia os intentos de Rusia de subliñar que as súas defensas son polo de agora impenetrables, a intelixencia militar británica considera "probable" que as tropas ucraínas conseguisen nas últimas 48 horas un "progreso notable" nalgúns sectores do leste e do sur do país.
Tamén cre que no lado ruso "o desempeño foi mixto", con algunhas unidades levando a cabo operacións de defensa cribles e outras retirándose "en desorde".
Tamén o Instituto para o Estudo da Guerra (ISW) estadounidense sinala que no oeste de Donetsk, preto da fronteira administrativa con Zaporijia, as forzas de Kíiv "lograron avances tácticos".
Jersón é a grande incógnita
Onde, polo momento, semella moi difícil contraatacar é na rexión de Jersón, que linda con Crimea. Rusia ocupa o terzo sur e, tras a rotura da presa de Kajovka, quedaron asolagados centos de quilómetros a ambas as dúas beiras do río Dniéper, liña divisoria da fronte.
Segundo o Ministerio do Interior ucraíno, 47 localidades están baixa auga, 14 delas na beira esquerda controlada por Rusia, que perdeu boa parte das súas posicións defensivas na zona.
Con todo, o ensanche do río debido ás inundacións impide agora a Ucraína avanzar nesta zona, enfocada en salvar as máximas vidas posibles e proporcionar asistencia humanitaria ás máis de 2.600 persoas evacuadas.
Rusia calcula que a auga do Dniéper, extremadamente complicado de cruzar mesmo no seu estado natural, volverá ao seu leito normal o vindeiro venres.