Publicador de contidos
Publicador de contidos

Último día da Feira do Moble da Estrada con medio cento de expositores

Último día da Feira do Moble da Estrada con medio cento de expositores

A organización agarda superar o milleiro de visitantes 

Participan negocios de distintos puntos de España e Portugal

 

G24.gal 22/09/2024 14:26 Última actualización 22/09/2024 17:19

A feira do moble da Estrada pecha este domingo as súas portas despois de catro días de exposición e venda de mobiliario e decoración. Máis de medio cento de negocios amosaron os seus produtos para unha clientela que aproveita os descontos de entre o 20 e o 60%.

Ano a ano constátase que o domingo é o día grande da feira da Estrada. Desde as once da mañá o recinto feiral é punto de encontro do sector do moble e acolle compradores que nun mesmo espazo poden ver, probar, comparar e descubrir un mobiliario que chega incluso de países veciños. 

"Hai moita expectación. A xente pasa e gústalle e de dez ou quince que pasan se un compra unha peza xa é bo. Moita xente de Galicia pide este mobiliario rústico para as casas e os restaurantes porque lles gusta", explica Joaquim Pederneira, un expositor portugués que participa por primeira vez.

As previsións apuntan a que nesta edición se supere o milleiro de visitantes da última edición e que aumenten tamén o número de vendas pechadas e de proxectos futuros.

"Aquí basicamente o que estamos facendo é contactos e estamos contentos coa feira. Logo teñen que pasar por tenda, ver distintos acabados porque aquí só traes unhas mostras básicas", di Isabel Couto, que ten mobiliario a medida para calquera cuarto da casa.

"A xente vén con idea fixa e merca aquí. Despois xente que aínda está acabando as obras da casa vén pola tenda. Normalmente o negocio cérrase aquí na feira porque facemos descontos especiais, dun 20 a un 50 % nalgún produto", asegura César Barbosa, o único expositor da Estrada con presenza na feira.

A feira está aberta ata as oito desta tarde, con actividades infantís, sorteos de agasallos e descontos importantes durante o evento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade