Concurso e degustación na Feira da Galiña de Mos, en Castro de Rei
Concurso e degustación na Feira da Galiña de Mos, en Castro de Rei
Premiaron os mellores exemplares da comarca
Celebrouse unha comida popular con diferentes preparacións coa carne e os ovos da galiña de Mos
O campo da feira de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, converteuse este domingo no centro da Expodegustación Galiña de Mos. Esta feira celebra xa a súa decimoterceira edición.
Incluíron unha exposición e un concurso de exemplares dos criadores desta raza autóctona na comarca.
"Valórase a morfoloxía do galo, a crista, o tamaño, a cor das plumas, que sexan uniformes, a morfoloxía do que é o galo e a galiña", di Francisco Monasterio, presidente da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós).
Despois da exposición e o concurso chega un dos momentos máis esperados, o da degustación, cunha comida popular, con diferentes preparacións coa carne e os ovos da galiña de Mos.
"Pois contamos con vender sobre 900 racións. O ovo da galiña da raza de Mos é diferente, ten unha xema máis amarela e un sabor completamente distinto", di unha das cociñeiras.
"É unha carne magra, unha carne escura, con moi pouca graxa exterior. Estamos a falar de exemplares criados ao aire libre. É unha carne moi celmosa e moi saborosa", engade o presidente de Avimós.
A feira tamén inclúe postos de artesanía e xogos populares.