Un 80 aniversario do Día D marcado pola invasión de Ucraína
Un 80 aniversario do Día D marcado pola invasión de Ucraína
Os líderes dos países aliados honran os heroes de Normandía
Joe Biden: "A unidade prevaleceu entón e prevalecerá agora"
Máis de 150.000 soldados irromperon unha mañá de hai 80 anos en 5 praias normandas. A maior invasión militar da historia supuxo o inicio da expulsión dos nazis de Francia, "algo que nunca esqueceremos", agradecía hoxe Emmanuel Macron.
As súas palabras ían dirixidas aos 200 sobreviventes daquela xesta. 11 deles recibiron do presidente francés a Lexión de Honor, a máis alta condecoración do país. Algún deles lembrábase hoxe dos máis de 4.000 compañeiros caídos aquel día.
A outro púxolle voz o actor Martin Freeman. "Por que volvín?, polos meus colegas, para presentarlles os respectos aos que non o lograron".
O 80 aniversario do desembarco xuntou en Normandía o presidente dos Estados Unidos, os primeiros ministros británico e canadense e o rei de Inglaterra, Carlos III. Estivo o representante do daquela inimigo, o chanceler alemán, pero faltou o dun dos aliados, o ruso Vladimir Putin.
Ante outro dos convidados, Volodimir Zelenski, Joe Biden prometía seguir defendendo Ucraína... non retrocederemos, porque se Ucraína cae, os seus veciños e toda Europa estarán ameazadas.
A aperta entre Zelensi e un dos veteranos do Día D foi un dos moitos momentos simbólicos dunha xornada chea de reivindicacións de unidade ante os novos tiranos.