Un Breogán irrecoñecible perde con contundencia en Palencia (74-59)
Un Breogán irrecoñecible perde con contundencia en Palencia (74-59)
Os lugueses quedan igualados co Zunder, que festexa a súa primeira vitoria en ACB
Un Breogán irrecoñecible cedeu a quinta derrota da temporada diante dun Zunder Palencia, que chegaba como pechacancelas, e puido festexar o histórico primeiro triunfo na Liga ACB.
Nada facía presaxiar o desenlace ao comezo do encontro, ao que o Breogán entrou ben. Apoiado no bo rendemento de Jogela acadou as primeiras vantaxes, e mantivo a iniciativa ata o remate do primeiro cuarto. 12-17 gañaban os galñegos, o que non facía prever o que ía acontecer no segundo período. O Zunder Palencia reaccionou e, cun parcial de 18-2, deulle a volta ao resultado. Ao descanso o resultado era de 36-25 favorable aos locais logo do 24-8.
No terceiro cuarto, o Breogán non mellorou. Volveu ceder o parcial por un 24-20 que deixaba o resultado en 60-45. Jogela, con 18 puntos, non foi axudado polos seus compañeiros na anotación. Sajus achegaba 9.
No último cuarto o Breogán seguiu mantendo unha falta de acerto preocupante, mentres o Zunder Palencia administraba a renda. A diferenza mesmo seguiu subindo. A menos de tres minutos para o remate do encontro, chegou aos 20 puntos (72-52). Sen opción de gañar o partido, os de Mrsic melloraron un chisco o basquet average (74-59) contra un rival que queda igualado na táboa cun triunfo e cinco derrotas.