Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un Celta con números de Champions como local

Un Celta con números de Champions como local

Desde a chegada de Giráldez, o equipo sumou 20 puntos de 24 posibles en Balaídos

G24.gal 17/09/2024 21:41

Claudio é a mecha que volveu ilusionar o celtismo. Hai moitos anos que Balaídos non vibraba tanto. Tres partidos esta temporada en Balaídos e tres vitorias. O poder da canteira nun fútbol vertical de triangulacións coa pegada final de Aspas ou de pases con rapaces que hai uns meses xogaban co filial na Primeira Federación Pablo Durán e Hugo Álvarez.

Claudio xa lle deu minutos ata o momento a 21 futbolistas. Hai un par de anos nunha entrevista na Galega explicaba esa filosofía de adestrador que segue moi vixente na actualidade. Ese grupo está acadando números extraordinarios en Balaídos. Habería que ir case que tres décadas cara a atrás, temporada 1997-98, para ver un inicio semellante. O Celta de Mazinho, Karpin, Mostovoi e Revivo gañara os seus  seis primeiros partidos que xogara en Vigo.

Era aquel un equipo con só Míchel Salgado como futbolista da canteira. Nada que ver con este Celta de Claudio, o adestrador que lanza propostas exitosas coa canteira, que goza en Balaídos e que, no entanto, ten a materia pendente de mellorar os resultados lonxe de Vigo, porque aí as diferenzas son grandes. En Balaídos, logra o 83 % dos puntos. Vinte puntos de 24 desque chegou ao primeiro equipo. Lonxe de Balaídos, acada o 28 %, seis puntos de 21 posibles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade