Un delincuente reincidente ataca cun ácido a caixeira dun supermercado
Un delincuente reincidente ataca cun ácido a caixeira dun supermercado
A empregada defendeu a caixa e o ladrón marchou cunhas follas de bacallau e unhas botellas de ron
O asaltante é un veciño de Vilagarcía, de 59 anos, que xa estaba fichado por roubos similares
Entrou como un cliente máis, interesándose por distintos produtos. Un deles, a auga forte que finalmente usou como arma. Un ácido. A caixeira, unha rapaza de 19 anos que traballa no establecemento de maneira ocasional, atendeuno sen vela vir.
"O home abriu a botella e díxolle: "Non te asustes e non berres. Dáme os cartos do caixón. A nena quedou parada e negouse. El asustouse, apertou a botella e regoulle a cara, o peito, o brazo e as mans. Botoulle a man ao caixón, pero ela agarrouno e non llo deixou abrir", relata Milagros Gómez, a nai da vítima e tamén traballadora do súper.
Cando a moza pediu axuda, a única clienta que estaba na tenda fuxiu, pero ela non se amedrentou.
"Ela a frase que dicía era: 'Por riba do meu cadáver'. Non lle ía dar os cartos da empresa", engade a nai.
O ladrón, un veciño de Vilagarcía, de 59 anos e con antecedentes similares, tivo que conformarse cun pequeno botín: dúas follas de bacallau e unhas botellas de ron.
Pouco lle duraron, porque a policía foi a tiro fixo. Localizárono en pouco tempo, en pouca distancia e coa mercadoría enriba.
"A policía díxonos que é unha persoa que ten problemas cos drogas. Eu non sei quen é, pero a policía en canto mirou as cámaras xa deron o nome e o apelido para que o detivesen", explica Milagros.
Ao que puido ser, a agresión quedou en case nada. A rapaza recuperouse ben das salpicaduras na cara, pero estalle custando máis esquecer o susto.
"Custoulle moito volver durmir, volver traballar e verse alí na caixa... impresiona..., ata me impresiona a min porque a caixa está descolorada do líquido e demais", lamenta a nai.
Coa lección aprendida, o establecemento reforzou as medidas de protección: hai dúas persoas na tenda e tamén un timbre na caixa.