Un golazo de Diego Díaz provoca o desencanto do Coruxo (1-1)
O equipo vigués podía dar un paso de xigante para a salvación, pero terá que seguir pelexando nas tres xornadas que quedan para o final da 2ª RFEF
O Coruxo rozou unha vitoria que era media permanencia na 2ª RFEF pero un golazo de Diego Díaz no tempo engadido evitou o triunfo diante do Marino de Luanco. O equipo asturiano comezou mellor o partido pero foi o equipo vigués o que se adiantou con outro gran gol de Serrano que marcou cunha parábola que sorprendeu ao porteiro visitante Dennis.
No segundo tempo o Coruxo controlou en defensa e arriscou moi pouco en ataque. O Marino de Luanco viuse na obriga de levar a iniciativa mais non xeraba demasiado perigo diante de Alberto Domínguez. Nos últimos dez minutos botouse ao ataque e o gol do empate chegou dun xeito que ninguén agardaba. Un sensacional lanzamento desde o centro do campo de Diego Díaz que sorprendeu o porteiro local.