Un gran último cuarto dálle o segundo triunfo ao Breogán
O Fuenlabrada entrou con vantaxe no período decisivo (46-54)
O parcial do Breogán nese derradeiro cuarto resultou espectacular (32-16)
O Breogán mantén o pleno de triunfos nesta temporada logo de gañar por 78-70 ao Fuenlabrada. O equipo lucense amosou dúas caras moi diferenciadas.
Entrou moi ben no partido con Lukovic e Happ (15-9). O Fuenlabrada aguantou esa forte saída do Breogán (22-17 ao remate do primeiro cuarto) e remontou nun segundo nefasto para os intereses do equipo galego (30-33).
Complicábase o partido cando os madrileños apañaban un máximo de once puntos (35-46). Nada funcionaba nun Breogán que afrontou o último cuarto oito abaixo (46-54).
O feitizo do Pazo notouse nese momento. Un parcial de 12-0 permitiulle coller a dianteira no partido (58-54) e xa non soltala. O Breo non puido cantar vitoria ata o último momento, pero conseguiu sumar o segundo triunfo.