Un horticultor ecolóxico de Lérez cultiva a verza 'kale', que promovera Michelle Obama
Un horticultor ecolóxico de Lérez cultiva a verza 'kale', que promovera Michelle Obama
A primeira dama dos EUA promocionara o consumo de produtos da horta, entre eles, unha variedade que se cultiva en Galicia dende hai tempo
A horticultura ecolóxica baséase na ausencia total de praguicidas non naturais e nunha produción variada e de pouca cantidade
Non descubría nada novo a primeira dama estadounidense cando promovía o consumo das verzas dentro dunha dieta saudable para os rapaces norteamericanos. A variedade kale era xa moi coñecida entre os horticultores galegos polas súas propiedades alimentarias, igual que todas as verzas.
"Teñen moita vitamina, algunha proteína e todas as cousas boas das verduras. Igual cas outras variedades que coñecemos na terra e que forma parte da nosa dieta dende sempre", sinala Fernando Filgueira, horticultor de Pontevedra.
A promoción de Michelle Obama puxera de moda esa planta e incluso aumentara daquela a produción. Con todo, é unha das moitas variedades que Fernando e súa filla Mara cultivan de xeito totalmente ecolóxico na súa pequena horta da parroquia de Lérez.
"O raro é o outro, o non ecolóxico. Nós non usamos velenos, nin herbicidas, nin pesticidas, praguicidas ou fertilizantes químicos", asegura Fernando.
Pouca cantidade e diversidade de produto, que vende nun mercado local a clientes que saben o que queren. "Traballamos directamente co consumidor, e ofrecemos unha cesta variada e equilibrada".
Non sería necesario se cadra que ningún persoeiro de fóra veña predicar as virtudes que xa coñecemos dos produtos da nosa terra, cultivados con respecto á natureza para que conserven o seu valor e sabor orixinais.