Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estabilizado o lume en Moaña tras ameazar núcleos de poboación

Estabilizado o lume en Moaña tras ameazar núcleos de poboación

Esta mañá, as brigadas están a traballar no arrefriamento de puntos quentes

O lume obrigou a cortar o tráfico  onte na autovía de Morrazo durante dúas horas

Calcúlase que arderon máis de 20 hectáreas

Dous veciños loitan cos seus propios medios contra o lume en Moaña
G24.gal 22/08/2022 16:40 Última actualización 23/08/2022 09:27

O incendio declarado esta tarde, contra as 16:00 horas, na parroquia moañesa de Meira, atópase nunha situación "moito mellor" grazas "a un traballo moi efectivo dos medios aéreos", segundo explicou o conselleiro de Medio Rural José González dende o lugar.

"Está moito mellor que hai dúas horas cando decidimos decretar a situación dúas pola proximidade das chamas ás casas na parte de arriba de Moaña. Houbo un traballo creo que moi efectivo dos medios aéreos", explicou aos medios.

Na noite deste luns o lume quedou xa estabilizado. Polo momento descoñécense as causas do incendio.

O lume, que ameazaba varias vivendas da zona, afectou a autovía do Morrazo, que tivo que ser cortado ao tráfico entre a Ponte de Rande e Meira. Cara ás 19:30 o tráfico quedou restablecido.

A Consellería decretou o nivel 2 pola proximidade das lapas aos núcleos da Moureira e da Ribeira, pero xa se desactivou porque non hai perigo. Polo momento leva calcinadas máis de 20 hectáreas.

Neste incendio traballan nestes momentos cinco avións, cinco helicópteros, seis motobombas, dez brigadas e catro axentes.   

A alcaldesa de Moaña declaraba ás 17 horas desta tarde que se vivía unha situación crítica, cos veciños intentando sufocar as lapas desde terra porque aínda non chegaran os medios. Tamén asegurou que non se produciran aínda desaloxamentos porque os habitantes estaban traballando na zona.

Por outra banda, está activo un lume nas Neves, parroquia de Batalláns, desde as 15:52 horas deste luns. Traballan alí un helicóptero, unha motobomba, dúas brigadas e un axente.  

Igualmente activo está o de Negreira, na parroquia de Aro, desde as 14:25 horas. Ás tarefas de extinción acudiron tres helicópteros, catro motobombas, nove brigadas e un axente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade