María José Gómez: "O 2024 foi o ano co menor número de incendios da década"
María José Gómez: "O 2024 foi o ano co menor número de incendios da década"
Segundo explicou a titular de Medio Rural nunha comparecencia a petición propia, estes son “uns números históricos que aspiramos a seguir mellorando” porque “os resultados só serán bos cando o número de incendios sexa cero”
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, detallou este martes os rexistros da tempada de incendios de 2024, en que se produciron un total de 105 incendios que queimaron máis de 2.100 hectáreas, “o menor número da década”.
Segundo explicou a titular do Medio Rural nunha comparecencia a petición propia, estes son “uns números históricos que aspiramos a seguir mellorando” porque “os resultados só serán bos cando o número de incendios sexa cero”.
Admitiu que ese é “un obxectivo moi ambicioso”, aínda que, polo menos, conseguiuse o reto de reducir a media de incendios da década polo que os deste 2024 son os datos que reflicten un “traballo ben feito”.
"É o ano con menos número de incendios nos últimos 10 anos", polo que "os datos acompañan ao traballo" da Consellería e dos bombeiros forestais que se esforzan para que non haxa incendios, puntualizou.
Galicia rexistrou 2.592 hectáreas queimadas no que vai de 2024, o que supón un descenso en comparación coas 6.748,9 hectáreas de 2023 (con datos definitivos). De feito, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou que as 1.785 ardidas no verán supoñen a cifra máis baixa na serie histórica en período de alto risco (xullo, agosto e setembro).
Na súa comparecencia a petición propia no Parlamento galego, debullou que houbo 105 incendios (lumes superiores a unha hectárea) entre xaneiro e outubro, o número máis baixo na última década, que calcinaron 2.133 hectáreas.
A isto súmanse 595 conatos (74,5 hectáreas) e as queimas que supuxeron 385 hectáreas. A conselleira sinalou que este resultado "non son malos", pero traballarase para alcanzar a cifra de "cero" lumes e hectáreas. Ademais, asegura que serán "implacables" na persecución de incendiarios.
María José Gómez afirmou que "a loita contra os incendios merece toda a nosa atención, que non vai escatimar en esforzos persoais e en medios económicos para reducilos ao mínimo posible".
Gómez apuntou que a provincia con máis incendios foi a de Ourense, con 37 incendios e 898 hectáreas ardidas; seguido de Pontevedra, con 31 lumes e 700 hectáreas; Lugo, con 21 incendios e 321 hectáreas e A Coruña, con 16 incendios e 212 hectáreas afectadas.
A conselleira repasou as medidas contempladas no Pladiga e lembrou que en 2025 a Xunta incrementará a contía destinada a prevención ata os 50,5 millóns de euros, con outros 39 millóns para extinción.
No ámbito da prevención, a conselleira fixo referencia a medidas como a Lei de recuperación da terra agraria, o Banco de terras ou o Inventario Forestal Continuo de Galicia.
Doutra banda, a conselleira tamén fixo alusión á intencionalidade nos incendios e a que é “un mal que non debese existir” e nese camiño traballará a Administración autonómica.
“Non imos deixar de perseguir aos culpables dos incendios intencionados, iremos a por eles e seremos implacables” porque, confirmou, a media da intencionalidade está no 60 % en Galicia e mesmo chega ao 80 % nalgunhas zonas nas que se producen máis incendios.
A oposición aprecia "autocomplacencia"
Os grupos da oposición reprocharon a autocompracencia do Executivo galego e sostiveron que o descenso de hectáreas queimadas débese a que as condicións meteorolóxicas da primavera e o verán de 2024 foron anómalas.
BNG e PSdeG insistiron na necesidade de seguir investindo en prevención e acusaron á Xunta de desmantelar os servizos contraincendios.
Desde o BNG, a deputada Montse Valcárcel denunciou a situación precaria do operativo de incendios no que este ano predominou unha “descoordinación total” a pesar da falta de efectivos porque houbo brigadas que contaron cunha soa persoa.
A nacionalista reprochou que a Xunta siga favorecendo o “monocultivo de eucalipto” no territorio galego, que supón un risco para a proliferación de incendios porque dadas as hectáreas que ocupan, “se arde, arde en continuo”.
A parlamentaria do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta sinalou que “esperaba moito máis” da comparecencia da conselleira que non deu resposta ao “abandono do rural” e á “falta de política forestal” que existe en Galicia.
Puxo o foco no servizo contraincendios que está “desbordado” xa que as brigadas teñen carencias en medios humanos e materiais mentres se “malgastan medios públicos” en maquinarias que non se están usando cando o que Galicia necesita é un “servizo de prevención e extinción profesionalizado e estable” con condicións e retribucións xustas.
O deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea, insistiu en que apoian todas as medidas de prevención que se poidan poñer en marcha aínda que apostou por dar unha maior atención ao medio rural xa que asentar poboación nesta contorna é unha medida efectiva para paliar os incendios.