Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ultramarinos de Boiro, vítima outra vez dos delincuentes, con perdas superiores a 6.000 euros

Un ultramarinos de Boiro, vítima outra vez dos delincuentes, con perdas superiores a 6.000 euros

A Garda Civil está a analizar as imaxes das cámaras de seguridade para dar cos dous responsables

Os donos están fartos e desanimados, buscando alternativas para reforzar a seguridade

G24.gal 07/03/2025 14:14

Coñecen o local, van preparados, coa cara cuberta, e saben onde están as cámaras. Son dous: un dentro, que fai o traballo máis duro; e outro fóra, que só entra para rematar a faena, como se ve nas imaxes gravadas polas cámaras de seguridade.

"Todas as máquinas quedaron estragadas, os módulos de pago, sobre todo. Sacaron o módulo de pago e levaron só cartos", explica Amanda Carolina Muras, a dona do establecemento.

A Garda Civil recolleu as imaxes das cámaras de seguridade este venres para tentar identificar os responsables. Máis de media hora estiveron lidando coas máquinas. Pero compensoulles, non levaron pouca cousa.

"Levaron toda a venda de entroido que fora boa. Un módulo de pago manexa dúas máquinas, romperon os dous módulos. Só quedou a máis pequena, que é a que menos factura. Non foron parvos. Esa nin a tocaron porque sabían que non tiña pasta", lamenta Paolo Iovino, o propietario.

Entre o que levaron e os estragos nas máquinas, as perdas superan os 6.000 ou 7.000 euros. Non é a primeira vez que se enfrontan a algo así.

"Levamos como oito ou nove veces. Algunhas nin denunciamos, dependendo da gravidade, porque vemos na rúa outra vez ás persoas", engade Amanda.

E, como di o refrán, por riba de burros, mallados.

"Xa non temos póliza de seguros porque a raíz do último roubo, a compañía deunos de baixa a póliza e ningunha outra compañía asegura máquinas expendedoras", explica Paolo. 

Están fartos e desanimados pero non se van render.

"Estamos pensando en facer un bo reforzo que as cubra, pero tamén iso son cartos", conclúe a dona.

Piden, coma o resto de hostaleiros, comerciantes e veciños de Boiro máis vixilancia policial, sobre todo, as noites da fin de semana onde, a falta de Policía Local, os vándalos campan ás súas anchas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar