Unha posible vertedura alerta os veciños que van á auga á fonte de Coiroa, en Oza-Cesuras
Unha posible vertedura alerta os veciños que van á auga á fonte de Coiroa, en Oza-Cesuras
Un veciño avisou o 28 de agosto de que vira escuma branca na auga
O Concello mandou unha circular por se había fugas das casas
Non se sabe a que puido obedecer nin se volveu repetir
Alguén quitou o cartel de advertencia ás agachadas
O cartel que lle puxo o concello de Oza-Cesuras á fonte de Coiroa é sutil: non di que non se poida beber, só que non está tratada sanitariamente. Un veciño avisou os responsables municipais de que vira escuma branca na auga. Ante a posibilidade de que houbera algún tipo de contaminación, puxeron este cartel e mandaron unha circular ás casas da contorna, para que revisasen se podían ter algunha fuga cara ao regato ou dar algunha pista do que puido pasar.
"O meu marido mira todo, non sae auga con xabón, coa lavadora, non hai problema, non sae, entón de onde sae, da miña casa non", di a veciña ao carón da fonte.
O caso é que todo isto lles cambiou os hábitos a moitos habitantes desta parroquia da Regueira, que disque viñan acotío encher botellas. "Agora non, porque puxeron o cartel, pero aí colleuse auga sempre, e vén xente con botellas, disque é boísima", di outro veciño.
Coa auga hai confianzas e desconfianzas, e así as cousas os costumes doutros veciños son ben diferentes, a pesar de ter a vivenda a poucos metros deste regato. "Teño o pozo para regar, e para a casa merco, non uso auga da fonte", explica outro veciño.
Certo debate debeu de haber, pois houbo alguén que quitou o cartel e houbo que volver poñelo. A posible vertedura que viu o veciño denunciante foi hai case un mes, e parece ser que non se repetiu, así que é bastante probable que se a ese alguén lle dá por retiralo ás agachadas outra vez, o Concello non volva pasar o traballo de poñelo de novo.