Publicador de contidos
Publicador de contidos

Uns 400 soldados rusos ocupan a planta nuclear máis grande de Ucraína

Uns 400 soldados rusos ocupan a planta nuclear máis grande de Ucraína

O Exército de Moscova controla a central desde o 4 de marzo

G24.gal 13/03/2022 09:57

Uns 400 soldados rusos ocupan e controlan a planta nuclear de Zaporozhie, a máis grande de Europa, situada no sur de Ucraína, segundo informa o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) con sede en Viena.

Nun comunicado explica que Petro Kotin, o presidente de Energoatom, o operador da planta, asegura que os militares rusos están "presentes a tempo completo no lugar".

Ucraína di que Rusia prevé tomar o control total e permanente da central baixo a xestión da empresa estatal nuclear Rosatom, algo que as autoridades rusas desmenten.

Kotin considera que a dirección da central debe coordinarse coas forzas de Moscova en todas as cuestións operativas, incluídas as técnicas. O persoal está a cambiar de quendas de xeito regular, mentres algúns expertos rusos avalían a situación da radiación.

O Exército ruso ocupa e controla desde o 4 de marzo a central de Zaporozhie e desde o 24 de febreiro a antiga planta de Chernóbil, onde en 1986 se produciu o maior accidente nuclear da historia.

Situación en Chernóbil

Nesta última, o regulador nuclear ucraíno sinalou que os esforzos para reparar as liñas eléctricas danadas continúan, pero a subministración externa segue cortada desde o 9 de marzo.

Os xeradores diésel proporcionan enerxía aos sistemas de seguridade, incluídas as instalacións de almacenamento de combustible gastado. Nunha conversa telefónica co director xeral do OIEA, Rafael Grossi, o xefe de Rosatom dixo que as liñas eléctricas poderían estenderse desde a veciña Belarús para abastecer Chernóbil.

Ademais, confirmou que algúns expertos se atopan no lugar, onde os 211 empregados ucraínos (técnicos e gardas) seguen traballando desde a toma de control do exército ruso. Por iso, Grossi subliñou a necesidade urxente de garantir que o persoal poida descansar e rotar axeitadamente.

Para agravar a difícil situación, prosegue o OIEA na nota, as comunicacións entre a central e o regulador ucraíno perdéronse o 10 de marzo. Iso si, o regulador asegura que segue en contacto coa dirección de Chernóbil -que non está na planta- e pode proporcionar información.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade