Publicador de contidos
Publicador de contidos

Doce veleiros participan en Vigo na única regata inclusiva de España

Doce veleiros participan en Vigo na única regata inclusiva de España

Naceu para sensibilizar sobre a plena inclusión das persoas con diversidade funcional a través do deporte

G24.gal 27/10/2024 17:34 Última actualización 27/10/2024 20:17

Vigo a vela, a única regata inclusiva de veleiros en España, tenta sensibilizar a sociedade sobre a plena inclusión das persoas con diversidade funcional a través do deporte.

Doce barcos, un deles da Escola Naval de Marín, navegaron unhas seis millas, fronte ao Real Club Náutico, cun percorrido barlovento sotavento con virada na boia de Lousal coa ponte de Rande á vista.

Á cana de cada veleiro ía un patrón que, ademais do coñecemento e a navegación, poñía de xeito voluntario a súa embarcación. E como tripulantes, sesenta persoas cunha discapacidade física, sensorial ou intelectual pertencentes a dez entidades como a ONCE ou Discamina. 

Atletas galegos

Como convidados de honra, participaron tres atletas galegos presentes nos Xogos Parolímpicos de París 2024: Judith Rodríguez, bronce en esgrima, Juan Ferrón, diploma en cen metros bolboreta, e Araceli Menduíña, padexeira.

"O deporte a min axudoume moito cando sufrín o accidente a poder volver á miña vida. E as persoas con discapacidade non teñen as oportunidades que ten todo o mundo porque ás veces non saben a onde ir. Axudar á inclusión pola que levamos tanto tempo loitando. E isto é un pasiño máis", conta a TVG Judith Rodríguez, que gañou a medalla de bronce en esgrima en París 2024.

"Permítenos que persoas que nunca navegaron e que nunca tiveron contacto co mar poidan gozar da marabilla que é a vela. Por que? Porque na vela participas nun ambiente de natureza, na mar, non hai ruxido dos motores, só esa combinación da vela e o vento", aclara Diego Maraña, o director desta regata Vigo a Vela.

Moitos das persoas participantes nunca tiveran un contacto así co mar. 

"Para nós é un orgullo poder participar nesta magnífica oportunidade, que ao final é poder axudar a sociedade á que servimos, porque as Forzas Armadas serven a sociedade", explica  Federico Baeza, o xefe de estudos da Escola Naval Militar de Marín.

"Eu penso que para nós os que sufrimos unha discapacidade, é un triunfo facer unha cousa bonita e ser coma todos os demais. Eu veño a pasalo ben, polo menos, a ver o mar, gozar do ambiente e se gaño gaño, e se non non", explica Rosa Isabel Alaya, da asociación de persoas con discapacidade Apamp de Navia.

Rosa non gañou, aínda que si o ano pasado. Venceu o Uncas con Íñigo Echenique como patrón e cunha tripulación formada polos homes e mulleres do centro Juan María.

O vento do Norte zoou para esta frota de doce magníficos que coñeceron o pracer de navegar na ría de Vigo, sen medo, con risas e ensinándose orgullosos ao mundo.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade