Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un camiño dos valores como modelo para menores vulnerables

Un camiño dos valores como modelo para menores vulnerables

Uns 250 participantes chegaron a Santiago para cumprir a súa particular ruta de coñecemento

Vicente del Bosque e Irene Villa apadriñaron a andaina

G24.gal 13/10/2024 15:08 Última actualización 13/10/2024 18:58

A solleira praza compostelá do Obradoiro compartía protagonismo este domingo coa chegada de 250 participantes no Camiño dos Valores, unha iniciativa que pretende ofrecer un xiro nas súas vidas a mozos e mozas con medidas xudiciais. 

"Este ano camiñamos pola discapacidade. Fixémolo no último tramo coa Fundación También, dunha forma máxica para traballar os valores da solidariedade, o respecto pola diversidade", comenta a promotora do proxecto Reyes Martel, maxistrada de menores e presidenta da asociación UP2U (Depende de ti).

Este proxecto fundado por esta maxistrada nas Illas Canarias, vai pola súa oitava edición. Tras facer unha ruta polo arquipélago os rapaces continúan a súa andaina de coñecemento persoal a través do Camiño de Santiago.

"Os rapaces saen un pouquiño da súa realidade, gozan de algo máis de liberdade, coñecen outros rapaces con outras vivencias, con outros contextos. Trátase de compartir e de pasalo ben", apunta Lucía Samoelle, educadora social.

A edición deste ano, dedicada ás persoas con discapacidade, está apadriñada por un deportista de elite, que acompañou á súa dona e ao seu fillo para darlle máis proxección á iniciativa.

"Trátase de darlle visibilidade á discapacidade, que é moi importante, e que máis que facer o Camiño de Santiago", apunta Vicente del Bosque, o ex futbolista e ex adestrador.

A xornada coa colaboración da fundación También, que promove a inclusión de persoas con diversidade funcional a través do deporte, e que tiña como cara visible a Irene Villa, vítima dun atentado terrorista nos anos noventa.

"Podémonos empurrar e apoiar. É un traballo en equipo: eu teño o que a ti che falla e ti tes o que eu necesito. E ao final créase unha unión marabillosa", sinalaba a xornalista e tamén deportista.

Tras unha recepción das autoridades da Xunta e do concello compostelán, os rapaces volveron ser os protagonistas dun camiño que desta vez é de experiencias e valores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade