Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez ofrece acoller en España o diálogo para lograr a paz total en Colombia

Sánchez ofrece acoller en España o diálogo para lograr a paz total en Colombia

O presidente do Goberno promete relanzar a relación de Colombia e da América Latina coa UE

G24.gal 24/08/2022 21:04 Última actualización 24/08/2022 21:29

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ofreceu este mércores a Colombia que España poida albergar as conversas para lograr a paz definitiva neste país tras a chegada de Gustavo Petro á presidencia colombiana.

Sánchez fixo ese ofrecemento ese ofrecemento en persoa a Petro na reunión na Casa de Nariño, sede da presidencia colombiana.

O xefe do Executivo lembrou que España apoiou en todo momento os esforzos pola paz en Colombia e destacou a transcendencia do acordo logrado para iso fai cinco anos, que cualificou de "fito da política internacional".

Agora, o novo presidente colombiano, Gustavo Petro, desexa renovar o diálogo coa guerrilla do Exército de Liberación Nacional (ELN), que quedou roto co anterior Goberno de Iván Duque, e tamén alcanzar outro tipo de acordos de sometemento á xustiza con outros grupos armados como as disidencias das FARC e o paramilitar Clan do Golfo. Con todo, Petro matizou que dependerá tamén do ELN onde terán lugar as conversas. 

Pedro Sánchez comprometeuse tamén a relanzar as relacións de Colombia en particular e de Latinoamérica en xeral coa Unión Europea ata situar esa relación "no lugar que lle corresponde".

Sánchez expresou ese compromiso na súa intervención no foro empresarial hispano-colombiano organizado na Cámara de Comercio de Bogotá.

Ante os representantes de 850 empresas dos dous países e en presenza da ministra de Industria, Comercio e Turismo española, Reyes Maroto, o seu homólogo de Colombia Germán Umaña, e o ministro de Facenda colombiano, José Antonio Ocampo, o xefe do Goberno desexou "o maior dos éxitos" ao presidente Gustavo Petro e trasladoulle o apoio de España.

Nese contexto, aproveitou para referirse á reforma tributaria que pretende impulsar o novo Goberno colombiano e recalcar que o crecemento debe ir acompañado de redistribución e viceversa.

Así mesmo, considerou que reducir as desigualdades sociais e territoriais é "unha prioridade ineludible" xa que está convencido de que só cun crecemento xusto e sostible poderá haber progreso e estabilidade de forma sólida e duradeira.

O presidente do Goberno explicou que España quere fortalecer aínda máis a súa presenza en Colombia na nova etapa que abre o país con Petro como presidente e avanzou que a súa intención é aproveitar ao máximo a presidencia española da Unión Europea no segundo semestre de 2023 para poñer a América Latina "no lugar que lle corresponde" nas súas relacións con Europa.

"España vai seguir sendo durante moitos anos a gran defensora dos intereses latinoamericanos na Unión Europea", recalcou antes de lembrar que con ese obxectivo, durante esa presidencia da UE, España organizará un cume entre ambas as rexións que non se convoca desde 2015 e que augurou que será "un éxito sen paliativos".

Da mesma forma, ofreceu a Colombia toda a colaboración de España para traballar na aplicación do acordo entre este país e a UE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade