Von der Leyen mantén conversas "construtivas" con Alemaña sobre a fin dos motores de combustión
Von der Leyen mantén conversas "construtivas" con Alemaña sobre a fin dos motores de combustión
A presidenta da Comisión Europea participou hoxe nunha reunión do goberno alemán
Scholz afirma que o desacordo non é de contido e polo tanto é solucionable
A presidenta da comisión europea, Ursula von der Leyen, dixo este domingo que as conversas co Goberno alemán sobre o veto ao final dos motores de combustión están sendo moi construtivas e confía en atopar unha solución canto antes.
Ursula von der Leyen participou nunha reunión do Goberno alemán dous días despois de que este bloqueara, no último minuto, a votación da UE sobre a prohibición de comercializar coches de combustión a partir de 2035. Quere que se inclúa unha excepción para os vehículos que circulen con combustibles sintéticos.
Na comparecencia posterior co chanceler Scholz, Von der Leyen afirmou que o diálogo con Berlín está sendo moi construtivo e confía en atopar unha solución o antes posible para ofrecer seguridade ao sector do automóbil.
A presidenta da comisión apoia a liberdade de tecnoloxía a partir de 2035 pero cre que é igual de importante manter un equilibrio cos obxectivos climáticos acordados.
O chanceler asegura que a discusión coa UE neste asunto non é de contido senón de como implementar as medidas e, polo tanto, -dixo- é solucionable.
A comisión considera fundamental que a UE manteña a súa posición como líder mundial en enerxía limpa e para iso hai que mellorar a competitividade e as condicións marco do sector.