Zelenski asegura que Ucraína está lista para iniciar a contraofensiva
Zelenski asegura que Ucraína está lista para iniciar a contraofensiva
O presidente ucraíno non concreta datas pero insiste en que necesita máis armas dos países aliados
O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, asegurou nunha entrevista publicada este sábado no The Wall Street Journal que están listos para a contraofensiva das súas Forzas Armadas contra Rusia, pero insistiu en que necesita máis armas dos países aliados.
Nunha ampla conversa co diario, non especificou "canto tardará" en iniciar a contraofensiva para recuperar territorio, pero amosouse seguro do "éxito".
"Para ser honesto, isto pode ir de varias maneiras completamente diferentes. Pero imos facelo, e estamos listos".
O dirixente ucraíno agradeceu as armas fornecidas polos países occidentais desde o inicio da invasión rusa, pero reclamou concretamente máis sistemas de mísiles antiaéreos Patriot. Rusia lanzou no último mes unha vintena de ataques masivos con drons e mísiles contra Kíiv.
Zelenski tamén chamou os países da OTAN a ofrecer un "camiño despexado" para a entrada de Ucraína na organización. Admitiu, con todo, non ter expectativas de que iso ocorra mentres continúen os combates.
"Se non nos dan un sinal, creo que non ten sentido que Ucraína estea en Vilna", agregou, en alusión ao cume que a OTAN celebrará en xullo na capital lituana.