Zelenski chega a Berlín na primeira visita oficial ao país dende a invasión rusa
Zelenski chega a Berlín na primeira visita oficial ao país dende a invasión rusa
Abordará cuestións relacionadas con "armas", "reconstrución", "a UE" ou "a OTAN"
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, chegou a Berlín na súa primeira visita a Alemaña desde que comezou a invasión rusa do seu país. Segundo comunicou en redes sociais, abordará cuestións relacionadas con "armas", "reconstrución", "a UE" ou "a OTAN".
O mandatario ucraíno chegou á capital alemá procedente de Roma e, polo momento, descoñécese o programa da súa estadía, pero agárdase que manteña unha xuntanza co chanceler, Olaf Scholz, e co presidente federal, Frank-Walter Steinmeier.
A visita do presidente ucraíno prodúcese o mesmo día en que está previsto o acto de entrega do Premio Carlomagno na cidade de Aquisgrán (oeste de Alemaña), concedido a Zelenski e ao conxunto da poboación ucraína, pero non se sabe se asistirá.
A viaxe prodúcese un día despois de que Berlín anunciara a concesión dun novo e amplo paquete de axuda militar a Ucraína por valor de máis de 2.700 millóns de euros e que incluirá, entre outro equipamento, sistemas de defensa aérea, vehículos blindados de combate e artillería.
O Ministerio de Defensa alemán explicou que ese paquete inclúe 18 obuses con rodas, munición de artillería, mísiles guiados para os sistemas de defensa aérea e 4 unidades de lume IRIS-T SLM e 12 lanzadores IRIS-T SLS.
O paquete comprende tamén carros de combate e vehículos de combate de infantería adicionais, concretamente 30 Leopoard 1 A5 e 20 Marder, máis de 100 vehículos blindados de combate e máis de 200 drons de recoñecemento.