Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ánxeles Vázquez: "Non entendemos a decisión do Constitucional sobre a Lei de Costas"

Ánxeles Vázquez: "Non entendemos a decisión do Constitucional sobre a Lei de Costas"

A vicepresidenta segunda en funcións alerta da posible perda de investimentos pola suspensión parcial da norma

Tira do índice de referencia de prezos do alugueiro para reiterar as súas críticas á lei de vivenda do Goberno central 

Insta o Concello de Vigo a traballar conxuntamente para aprobar o PXOM

G24.gal 03/03/2024 11:14 Última actualización 03/03/2024 13:09

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ánxeles Vázquez, critica a decisión do Tribunal Constitucional de manter suspendidas parcialmente dúas leis sobre o litoral recorridas polo Goberno central, en concreto varios preceptos da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral e a de Medidas Fiscais e Administrativas.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega,  Ángeles Vázquez alerta da perda de investimentos de seguir a situación e "que industrias se nos vaian a Portugal".

A conselleira de Medio Ambiente en funcións centraba a súa crítica no recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central  a quen lle atribúe trato discriminatorio a Galicia respecto a outras comunidades. 

"Non entendemos a decisión que tomou o Tribunal Constitucional e eu agardo que se repense. O que si temos claro é que censuramos esta resolución xudicial e que afonda na diferenza de trato dispensado a Galicia en relación con outras comunidades autónomas como é o caso de País Vasco e o caso de Cataluña. Eu agardo que agora o Goberno atenda ao resultado das eleccións do pasado 18 de febreiro, ben é certo que están en outras leas". 

Lei de vivenda

A responsable de Vivenda da Xunta en funcións tamén cargou a man contra o Executivo central pola Lei de Vivenda ao fío da publicación do índice de referencia de prezos de alugueiro. Cuestiona a tardanza en "sacalo adiante" e di que "non hai orzamento ningún".

Reiterou a intención da Xunta de non  declarar de oficio zonas tensionadas aínda que dixo que "estudaremos as solicitudes que cheguen de concellos".

Ao preguntarlle polas solicitudes presentadas ata o momento polos concellos de Santiago e da Coruña Vázquez dixo que a de Santiago foi  "un anuncio a través dos medios de comunicación e non chegou ningún tipo de solicitude".

No caso da Coruña dixo que "chegou unha solicitude na véspera das eleccións autonómicas", que se trataba "de medio folio cun desexo e que non sabemos cal era o obxectivo". Segundo explicou, o concello solicitaba que se decretase zona tensionada toda A Coruña, algo, dixo Vázquez, que "non ten sentido e tivo debida resposta".

A conselleira en funcións indicou que se lle ofreceu ao Concello da Coruña sentar a aclarar "dúbidas" e indicou que para este tipo de declaracións hai que "cumprir requisitos".

Así mesmo, defendeu o recurso de inconstitucionalidade presentado pola Xunta contra a Lei de Vivenda do Goberno central tras fracasar a vía de diálogo e incidiu en que "non coñecemos ningún caso de éxito desta lei de vivenda" e que coma Galicia, outras comunidades optaron por esa vía do recurso.

 PXOM de Vigo

A vicepresidenta segunda da Xunta en funcións tamén instou ao Concello de Vigo a traballar conxuntamente para axilizar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal -PXOM-.

Na véspera dunha reunión técnica entre Xunta e Concello, Ánxeles Vázquez apelou á colaboración entre administracións e a corrixir as eivas que a Xunta detectou no documento remitido polo concello e que Vázquez cualificou de "moi pouco ambicioso". 

"O documento que presentou o Concello eu cualifiqueino dende un primeiro momento, para ser Vigo, de moi pouco ambicioso. E a pesar de ser moi pouco ambicioso nin sequera cumpre todos os preceptos establecidos por lei. Eu podo poñer tan só dous exemplos claros: o Concello retirou a protección á fortaleza do Castro e ao Parque de Castrelos-que é outra das xoias patrimoniais da cidade- tamén decidiu retirar esa protección". 

Futuro goberno

Respecto ao novo Goberno da Xunta, pendente de se configurar unha vez Alfonso Rueda sexa investido presidente, Ánxelez Vázquez díxose "á disposición" do presidente da Xunta, ao igual que "o resto de compañeiros" para o que decida. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos