Os romanos cruzan unha vez máis o río do Esquecemento en Xinzo
Os romanos cruzan unha vez máis o río do Esquecemento en Xinzo
A Festa do Esquecemento celebra a vixésimo cuarta edición
Esta tarde tivo lugar o momento máis esperado: a recreación das tropas romanas cruzando o río Limia
Ano 137 antes de Cristo. As tropas romanas resistíanse a emprender a conquista da futura Gallaecia porque temían perder a memoria ao atravesaren este río, para eles, o río do Esquecemento. Ata que o xeneral Décimo Xuño Bruto, o Galaico, tomou a iniciativa mentres ía chamando polo nome a cada un dos seus soldados.
Décimo Xuño Bruto, xeneral romano: "Hoxe conseguimos cruzar un río cunha lenda misteriosa: que podemos perder a memoria, esquecer de onde somos, quen somos, quen é a nosa familia... pero conseguimos superar o mito, demostrar que era mentira".
Ao outro lado agardábanos os límicos, que loitaron con dignidade ata o último alento, ao mando de Beltaine.
Beltaine, líder dos castrexos: "Son o que máis une aos pobos castrexos, a unión de todos os pobos".
Malia a batalla campal, a festa é unha exaltación da convivencia pacífica entre castrexos e romanos. Constrúen os seus campamentos e comparten a fin de semana.
Leticia Diz, colabora na organización: "Tamén é unha festa bonita porque é convivencia. Aparte de recreación é convivencia. Somos unha familia".
E así chegaron xa á vixésimo cuarta edición, e cada ano con máis participantes.