A recreación histórica do Arde Lucus atrae milleiros de visitantes á cidade
A recreación histórica do Arde Lucus atrae milleiros de visitantes á cidade
Castrexos e romanos comparten máis de 300 espectáculos en Lugo
Lugo continúa celebrando durante toda esta fin de semana o Arde Lucus, a vixésimo cuarta edición dunha festa na que a cidade bimilenaria se converte no escenario dos primeiros tempos da romanización, un proceso histórico do que quedan numerosos vestixios que se recrean estes días nas rúas, parques e prazas lucenses. En total o público pode participar en máis de trescentas actividades e espectáculos concibidas para conseguir a total implicación dos milleiros de persoas que visitan a cidade estes días.
Unha das actividades estrelas desta tarde de Arde Lucus foi o circo, un espectáculo no que colaboran unha vintena de persoas e que cada ano consegue un público multitudinario.
Carreiras de cuádrigas, loitas de gladiadores ou espectáculo de habilidades ecuestres son algunhas das recreacións que se fan neste circo romano.
Moi preto, no parque Rosalía de Castro, hai toda unha aldea na que é posible aprender de oficios xa practicamente inexistentes.
Noutro obradoiro, os pequenos aprenden como era a escritura hai dous mil anos.
En calquera recuncho da cidade hai cousas para ver, para descubrir, para participar... se cadra ese é o segredo do éxito do Arde Lucus.
O rapto de Perséfone, batucadas, teatro ou espectáculos de forza e lume son algunhas das actividades da noite do sábado deste vixésimo cuarto Arde Lucus.