Publicador de contidos
Publicador de contidos

A parroquia ferrolá de Brión recrea a súa vitoria fronte á Armada británica

A parroquia ferrolá de Brión recrea a súa vitoria fronte á Armada británica

Hai 224 anos da batalla de Brión e os veciños levan 33 recreándoa

Piden máis apoio institucional para manter a tradición

G24.gal 25/08/2024 19:52

Os veciños de Brión e arredores saen ao encontro do invasor. A Armada británica acaba de desembarcar en Doniños e quere tomar Ferrol e o seu arsenal. Vai mellor equipada pero non coñece o monte coma eles e ten que claudicar.

Hai 224 anos da batalla de Brión e a veciñanza desta parroquia ferrolá leva 33 recreándoa.

"Significa un recordatorio histórico pero tamén familiar, de festa, de reunión", afirma a presidenta da asociación de veciños de Brión, Ángeles Formoso.

É un fito con memoria viva. Un veciño de Doniños cóntanos que a avoa da súa avoa tivo que darlles de comer aos británicos e púxolles papas moi quentes para que queimasen as gorxas.

"En represalia, furáronlle os odres de viño que tiñan na casa", relata Domingo Méndez Serantes.

Os que hoxe recrean a batalla non queren que a tradición se perda, pero din que precisan máis apoio institucional e promoción.

"Noutros sitios recuperan esas tradicións. Aquí cústanos moito mantelas catro veciños", lamenta María Jesús Bedoya.

 "A ver se os responsables participan un pouquiño máis nisto", propón Kiko Bueno Carro.

"Somos poucos ultimamente pero xuntarse coa xente que hai tempo que non ves é algo que a min me gusta moito", di Óscar Díaz.

 "Igual volven máis e temos sorte e a batalla é como ten que ser", espera Juan López.

Os que se moven para que perdure tratan de que prenda nos máis pequenos.

"O que máis me gusta da festa é pelexar", asevera unha cativa.

"A min gústame comer alí", di outra nena sinalando o campo.

Comer, si, porque logo da batalla vén o xantar no campo, en familia e con ánimo festivo. Hai que celebrar a vitoria e tampouco falta a música.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade