A Xunta compromete con entidades sociais financiamento estable para 5.000 prazas de discapacidade
A Xunta compromete con entidades sociais financiamento estable para 5.000 prazas de discapacidade
A Administración galega incrementa a contribución para responder á suba de prezos dos últimos anos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este mediodía con seis federacións de entidades de discapacidade un concerto por valor de 100 millóns de euros. Vai ter unha vixencia de catro anos prorrogables ata dez. Estas entidades atenden máis de 5.000 prazas concertadas e co convenio asinado hoxe ven incrementada a contribución da Administración para responder á suba de prezos dos últimos anos.
Foi o presidente de Cermi Galicia, Luciano Fernández Pintor, en representación de todas as entidades, quen asinou o pacto co presidente da Xunta, quen estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García.
Cermi agrupa a asociacións de persoas con discapacidade física, intelectual, psíquica, sensorial, auditiva, visual, parálise cerebral, dano cerebral, saúde mental, alzhéimer, así como a centros especiais de emprego.
Nela están representadas Cogami, Fademga, Faxpg e Once, ademais de Down Galicia, Autismo Galicia, Feafes, Fegadace, Aspace, Fagal, Cegasal e Predif-Galicia.
Tras a firma, Alfonso Rueda sinalou que con este acordo a Xunta cumpre cunha demanda "histórica e xusta" por parte destas entidades, que realizan un traballo "vital" para a Xunta.
"Sería imposible chegar onde queremos se non fóra por este tecido asociativo, que é o que mellor coñece as necesidades dos usuarios e das súas familias, xa que están en contacto diario con elas", sinalou.
O presidente galego garantiu que este acordo "non é máis que o principio", xa que a partir de agora o traballo da Xunta debe "seguir por aquí" e este convenio marco, que se desenvolverá con cada unha das entidades que o asinaron, simplemente serve para "sentar as bases", continuar por esta senda e mellorala, comprometeu.
Rueda recolleu, deste xeito, a luva que lle lanzaba Luciano Fernández Pintor, que tamén preside Fegadace, na súa intervención.
E é que aínda que o presidente de Cermi mostrara a súa "satisfacción" pola posta en marcha deste pacto, que "pon fin á sensación de incerteza financeira" que había entre as entidades, tamén reclamara "non quedar niso" e por "explorar novos recursos e actualizalos para mellorar a calidade de vida das persoas (usuarias) e das súas familias".
"Ese debe ser o futuro inmediato (mellorar) e, mentres, damos a benvida a este pacto", concluíu.