Falece un condutor nun accidente múltiple na autovía da Barbanza
Falece un condutor nun accidente múltiple na autovía da Barbanza
Dous coches chocaron á altura de Boiro e un deles foi alcanzado por unha furgoneta
Un dos carrís, en dirección Ribeira, quedou cortado ata despois da medianoite
A autovía da Barbanza rexistraba onte sobre as nove da noite un grave sinistro de circulación con tres vehículos implicados á altura da parroquia boirense de Lampón. Faleceu unha persoa e outras dúas quedaron feridas.
Por causas aínda sen determinar, chocaron dous turismos que circulaban en dirección a Ribeira. Un deles quedou envorcado e atravesado na estrada, no medio da traxectoria dunha furgoneta que transitaba uns metros atrás e que non puido esquivalo.
No coche que recibiu o brutal golpe ían dúas persoas. O condutor, duns cincuenta anos, quedou ferido moi grave e, malia os auxilios médicos, acabou falecendo no lugar do accidente. Con el viaxaba outra persoa que puido baixar do coche polo seu propio pé.
Ao lugar achegáronse efectivos dos bombeiros, da Policía Local de Boiro, do 061 e da Garda Civil de Tráfico, que habilitaron un carril para a circulación, mentres non se retiraban os coches. Sobre a unha da mañá o tráfico quedou completamente restablecido.