Investigan como terrorismo o ataque dun mozo que matou un turista en París
Investigan como terrorismo o ataque dun mozo que matou un turista en París
O agresor, islamita radicalizado con problemas psiquiátricos, deixou outras dúas persoas feridas
Francia investiga como acto terrorista o ataque perpetrado o sábado pola noite por un mozo en París que deixou un turista morto e dous feridos. O agresor, detido pola Policía, é un islamita radicalizado con problemas psiquiátricos que xa cumprira condena por outra acción frustrada.
O ataque produciuse preto da Torre Eiffel pasadas as nove da noite. Ao berro de "Alá é grande!", o agresor acoitelou e matou un turista alemán de orixe filipina. A muller que acompañaba o finado salvouse ao intervir un taxista, pero o atacante seguiu á busca doutras vítimas.
Conseguiu ferir dúas persoas cun martelo, unha delas nun ollo, antes de ser detido pola Policía, que empregou unha pistola de electrochoque para reducilo.
Ataque frustrado
O ministro do Interior informaba no lugar dos feitos de que o detido era un coñecido dos Servizos de Intelixencia e da Xustiza. Explicou que cumprira catro anos no cárcere por un ataque similar frustrado e que o vixiaban por ter problemas psiquiátricos graves.
Sábese tamén que o individuo é estudante de Bioloxía. Naceu hai 26 anos nunha zona acomodada da periferia parisina. Seus pais son iranianos non musulmáns que fuxiron do réxime integrista dos aiatolás, pero el entrou no xihadismo en 2015.
Membro do Estado Islámico
Mentres perpetraba este ataque, dixo que non soportaba a morte de musulmáns en Afganistán ou Palestina e, segundo medios locais, atopáronlle un vídeo en que se declara membro do Estado Islámico.
Un coreano residente en París di que o primeiro que pensou é que puido ser el unha das vítimas. Outro veciño afirma que é difícil previr estes ataques e teme que non sexa o último na situación actual.
O aumento das tensións no contexto da guerra entre Israel e Hamás, ten a Francia en alerta máxima.