Multitudinaria homenaxe a Concha Velasco na súa cidade natal
Multitudinaria homenaxe a Concha Velasco na súa cidade natal
Milleiros de persoas quixeron despedir a artista en Valladolid
Milleiros de persoas aplaudiron e renderon homenaxe á actriz Concha Velasco non seu último adeus, no interior e na contorna da catedral de Valladolid, cidade natal da artista falecida este sábado aos 84 anos.
Foi ás doce do mediodía cando o coche fúnebre chegou ata a sé valisoletana entre aplausos. Moita xente quedou fóra do templo.
Pouco antes, o alcalde de Valladolid, Jesús Julio Carnero, fixo unha ofrenda floral na súa honra, ao paso do cortexo fúnebre, como despedida do Gran Teatro Calderón de la Barca, no que tantas veces actuou a actriz.
O presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, o ministro de Transportes e exalcalde de Valladolid, Óscar Puente, e a ministra de Igualdade, Ana Redondo, xunto a outras autoridades, quixeron tamén acompañar a Concha Velasco na Catedral.
Dentro do templo que comezou a construír o arquitecto Juan de Herrera no século XVI, o arcebispo de Valladolid, Luis Argüello, foi o encargado de oficiar o funeral ante os asistentes ás exequias.
Os seus restos repousan xa no Panteón de Personaxes Ilustres, no cemiterio de El Carmen, onde tamén descansan grandes figuras como José Zorrilla ou Miguel Delibes.
Capela ardente en Madrid
No escenario do teatro madrileño de La Latina, Concha Velasco realizou moitos dos seus emblemáticos traballos e foi alí onde, este sábado, se lle rendeu unha homenaxe multitudinaria.
Pola capela ardente pasaron familiares, amigos, compañeiros de profesión, políticos e centos de persoas anónimas que quixeron despedirse da artista, que deixa unha profunda pegada. O presidente do Goberno destacou a súa traxectoria profesional e o legado que deixa.
Manuel Velasco, o maior dos seus dous fillos, foi o encargado de agradecer as mostras de cariño recibidas. Horas antes, nun comunicado remitido aos medios, informaban do falecemento da súa nai, de 84 anos, no hospital Puerta de Hierro de Majadahonda.
"Lamentamos informar de que a nosa nai, Concha Velasco, faleceu hoxe sábado 2 ás 2:00 horas no hospital Puerta de Hierro de Majadahonda, tras recibir os Santos Sacramentos, como consecuencia dunha complicación na súa enfermidade".
Problemas de saúde
No verán de 2021 a saúde da artista deteriorouse drasticamente e os seus fillos decidiron en marzo de 2022 trasladala a unha residencia. En decembro dese ano tivo que ser ingresada no hospital, con problemas do aparello dixestivo, do fígado e artrite.
Concepción Velasco Varona, nada en Valladolid en 1939, tivo un linfoma en 2014 que a mantivo afastada dos escenarios durante meses e a súa volta foi condicionada a unha vixilancia médica e un repouso que ela mesma recoñeceu que era incapaz de seguir.
O seu último compromiso foi a obra La habitación de María, creada polo seu fillo Manuel, na que interpretaba unha soada escritora, Isabel Chacón, que padece agorafobia e vive recluída nun ático do que non se move ata que un incendio obriga a evacuar o edificio.
O 15 de setembro de 2021, con 81 anos, retirouse definitivamente dos escenarios cunha última representación no Teatro Bretón de los Herreros da Rioxa.
Dilatada carreira artística
A eterna chica ye-yé foi unha das artistas máis populares e queridas de España, cunha carreira que comezou moi nova, cando era coñecida como Conchita. Desa primeira etapa son as películas El día de los enamorados (1958), Historias de la televisión (1965) ou Las que tienen que servir (1967).
Velasco dedicou moito tempo ao teatro, con obras como Filomena Marturano (1979), Yo me bajo en la próxima, ¿y usted? (1981) Mamá, quiero ser artista (1986), Carmen, Carmen (1988), La truhana (1992), Las manzanas del viernes (1999), Hello, Dolly! (2001), Inés desabrochada (2003) ou Hécuba (2013).
Entre os seus papeis dramáticos destacan o de Teresa de Jesús na serie de 1983 ou os de Tormento (1974), Pim, pam, pum... ¡fuego! (1975), Esquilache (1989) e Más allá del jardín (1996).
Galardóns
Foi galardoada co Premio Goya de Honra en 2012, o Max de Honra en 2019, o Valle-Inclán á mellor actriz por Hécuba en 2015, o Ondas á mellor actriz por Gran Hotel en 2012 ou a Espiga de Ouro da Seminci por La hora bruja en 1985.