Jenni Hermoso asegura que chegou "a recibir ameazas"
Jenni Hermoso asegura que chegou "a recibir ameazas"
A xogadora madrileña agradeceu as mostras de apoio que recibiu tanto ela como o resto de internacionais
A xogadora da selección española e do Pachuca mexicano Jenni Hermoso asegurou que chegou "a recibir ameazas" despois do bico que o expresidente da Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales lle deu durante a entrega de medallas tras a consecución do título Mundial de fútbol.
"Tiven que asumir as consecuencias dun acto que non provoquei, que non elixira; nin premeditado. Cheguei a recibir ameazas, e iso é algo ao que non te afás nunca", afirmou a madrileña nunha entrevista coa revista GQ,.
Nas súas primeiras declaracións despois o ocorrido tras a final do Mundial en Sídney o pasado 20 de agosto, Hermoso mantivo que as internacionais "nunca" pediron cobrar igual que os xogadores da selección absoluta masculina e que o que querían era "o máis básico, ter un salario mínimo".
"Gañamos un campionato do mundo. Chamáronnos caprichosas. Sempre se dixo que queriamos cobrar igual que os mozos e non era verdade. Dáme moita rabia que digan que o fútbol feminino non xera tanto como o masculino", engadiu.
A xogadora madrileña agradeceu as mostras de apoio que recibiu tanto ela como o resto de internacionais por parte doutras futbolistas e de persoas doutros sectores como o cultural e admitiu que lle gustaría ter tamén o dos xogadores.
"O apoio deles non sei se faría todo máis sinxelo, pero desde logo axudaríanos moito", apuntou.