Mati Castillo aparece con dous goles no engadido para darlle o triunfo ao Fabril
Mati Castillo aparece con dous goles no engadido para darlle o triunfo ao Fabril
O derbi contra o Rácing Vilalbés tivo poucas oportunidades ata que chegou o primeiro gol no 93
Era un partido de empate que se decidiu no engadido con dous goles do dianteiro cántabro Mati Castillo. O Fabril e o Rácing Vilalbés coñecíanse á perfección e ningún dos dous lle deu ao rival case ningunha opción en ataque.
O Rácing gozou das mellores no primeiro tempo, sobre todo unha de Santi Gegunde que salvou Brais Suárez. Na segunda parte aínda houbo menos achegamentos, só algún disparo desde fóra da área que resolveron ben os porteiros.
No minuto 93 Iano comezou a xogada, Nájera picou por riba da defensa e Castillo acertou diante de Santomé. O Rácing botouse arriba e nunha contra no 95 o propio Mati Castillo caneou ao porteiro do Vilalbés e atinou coa portería desde lonxe. Primeira derrota dos chairegos como visitante e o Fabril colle aire na clasificación.