Milleiros de persoas apoian a Feijóo no seu acto contra a amnistía en Madrid
Milleiros de persoas apoian a Feijóo no seu acto contra a amnistía en Madrid
O líder do PP denuncia a "desvergoña e a amoralidade" do novo Executivo
Milleiros de persoas responderon outra vez a unha convocatoria do Partido Popular, neste caso en contra da amnistía e para reivindicar a Constitución, que a semana vindeira cumpre 45 anos.
O escenario foi o templo de Debod, en Madrid, situado a escasos setecentos metros da sede socialista de Ferraz. O líder do PP pediu que cese o "despropósito" do Goberno de Sánchez de negociar cos independentistas de costas aos españois.
Acusouno de propiciar un "bochorno" por poñer un mediador entre España e os independentistas que é, dixo, "experto en guerrillas latinoamericanas". Insistiu en que non vai aceptar a "clandestinidade" coa que negocian en nome dos españois.
Alberto Núñez Feijóo dixo que os queren calados e submisos mentres actúan en nome de España e negocian cos independentistas, pero que seguirán saíndo á rúa as veces que faga falta. Asegurou que pretenden unha España dividida en dúas metades cun muro, pero que é de todos.
O líder do PP especificou literalmente que "non porán en cuestión a lexitimidade do Goberno", pero si a súa "desvergoña e amoralidade".