Tres días xa sen poder consumir a auga da traída municipal en Outes
Tres días xa sen poder consumir a auga da traída municipal en Outes
A prohibición afecta 4.000 veciñas e veciños
A auga das traídas particulares si que se pode consumir
A alcaldía e a veciñanza de Outes agardaban ter ao longo deste xoves eses resultados para saber se os casos de gastroenterite detectados nos últimos días no concello se debían ao consumo da auga da traída municipal.
Fontes da alcaldía, consultadas esta mesma tarde, confirmaron que a prohibición de consumir esta auga vai continuar polo menos ata mañá, venres, cando agardan que o laboratorio encargado das análises os informe de se é a causa ou non deste gromo de gastroenterite, que, afortunadamente, só rexistrou casos leves.
Achacan a posible contaminación aos estragos do último temporal, xa que a maioría destes casos se deron na zona máis afectada polas inundacións.
Arredor de catro mil persoas, máis da metade do concello, sofren a prohibición aínda que a maior parte dispón de traídas particulares das que si que poden beber. Os que non teñen, que remedio, tiran de auga embotellada.