O Concello de Outes prohibe o consumo de auga potable tras varios casos de gastroenterite
O Concello de Outes prohibe o consumo de auga potable tras varios casos de gastroenterite
A limitación afecta a poboación conectada á traída municipal, unhas 4.000 persoas
O Concello de Outes prohibiu desde este martes o consumo de auga en todo o municipio pola aparición de casos de gastroenterite no municipio por unha posible contaminación.
O Concello anuncia a "prohibición cautelar de consumo de auga" da subministración da rede municipal como medica cautelar e "ata novo aviso".
Trátase dunha limitación que afecta o consumo "humano como ao seu uso na produción alimentaria" mentres se efectúan análises pare determinar a posible contaminación por virus.
Segundo explicou a Europa Press o alcalde de Outes, Manuel González, á primeira hora deste martes o Concello tivo coñecemento de varios casos de persoas afectadas por esta doenza e, pouco despois, a Consellería de Sanidade confirmaba a situación.
A partir de aí, e por indicación das autoridades sanitarias, o Concello informou á poboación da prohibición de consumir esa auga, unha medida que afecta, tal e como sinalou, a algo menos de 4.000 persoas, un 60 % da poboación, que é a que dispón de traída municipal. En todo caso, puntualizou, moitas desas familias tamén dispoñen de traída particular, que non estaría afectada pola restrición.
O rexedor explicou que xa se están elaborando analíticas da auga, tanto por parte do Concello como de técnicos de Sanidade, e que "tan pronto" se coñeza a orixe do brote de gastroenterite se adoptarán as medidas necesarias.
Manuel González sinalou que varios dos casos se concentran nunha zona do municipio, a máis afectada polas inundacións da pasada semana con motivo da borrasca Kirk, aínda que avogou por esperar o resultado dos estudos.