Sánchez apoia a actuación de García Ortiz, di que é Ayuso a que debería dimitir e salienta a contundencia con Ábalos
Sánchez apoia a actuación de García Ortiz, di que é Ayuso a que debería dimitir e salienta a contundencia con Ábalos
Sánchez apoia a actuación de García Ortiz, di que é Ayuso a que debería dimitir e salienta a contundencia con Ábalos
O presidente do Goberno di que o fiscal xeral do Estado só perseguiu un delito e combateu unha loia creada pola presidenta da Comunidade de Madrid
O Partido Popular di que a corrupción é a principal ameaza que ten neste momento España, e Feijóo acúsao de "atrincheirarse" no cargo
O presidente do Goberno Pedro Sánchez apoiou o fiscal xeral do Estado porque cre que fixo o seu traballo: "Perseguir o delincuente". Apuntou á presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso, pedindo a súa dimisión, e sinalou que puido beneficiarse da actividade da súa parella.
Sánchez apoiou a García Ortiz en Bruxelas despois de que o Tribunal Supremo decidise abrirlle unha investigación por presunta revelación de segredos en relación coa causa por presunta fraude fiscal da parella de Ayuso.
O xefe do Executivo dixo que o Goberno respecta a decisión do Tribunal Supremo, pero reiterou o apoio á acción do fiscal xeral xa expresado por outros membros do Goberno e xustificouno.
"Fixo o seu traballo. Fixo o que tiña que facer: perseguir o delincuente e combater a desinformación e unha trola", recalcou antes de subliñar que é necesario lembrar a orixe de todo este asunto.
Unha orixe que explicou sinalando que o xefe de gabinete da presidenta da Comunidade de Madrid, Miguel Ángel Rodríguez, difundiu unha noticia falsa "para situar a mentira ao lado da fiscalía xeral do Estado".
Ao seu xuízo, o que hai que preguntarse é cando o PP vai pedir explicacións e esixir responsabilidades a Ayuso, de quen insistiu en lembrar que é parella "dun delincuente confeso que defraudou a Facenda, que se lucrou e enriqueceu coas máscaras durante a pandemia".
"E, presuntamente, a presidenta da Comunidade de Madrid puido beneficiarse desa situación indirectamente", apostilou.
Sánchez volveu pedir ao líder do PP Alberto Núñez Feijóo que esixa responsabilidades políticas á súa "xefa", Ayuso, que deben pasar pola súa dimisión.
Ao non facelo ata o de agora, manifestou que non pode aceptar leccións do principal partido da oposición cando fala do caso Koldo, porque o PSOE adoptou decisións contundentes contra o ministro José Luis Ábalos. "Esta dobre vara de medir, esta lei do embude, paréceme que non se sostén", engadiu.
Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP, considera que "o fiscal xeral do Estado decidiu atrincheirarse mentres está sendo investigado polo Tribunal Supremo, decidiu negar a realidade e atacar e ameazar a oposición".
Pasou ao ataque o propio Pedro Sánchez, que, en conferencia de prensa, deixaba caer que Isabel Díaz Ayuso "é parella dun delincuente confeso (...) e, presuntamente, a presidenta da Comunidade de Madrid puido beneficiarse desa situación indirectamente". Por iso, di o presidente, debería dimitir.
O PP retruca, cren que é o socialista o que camiña cara á fin da súa carreira política. "Isto non fixo máis que empezar e o presidente do Goberno está nun punto de non retorno", dixo Alberto Núñez Feijóo en conferencia de prensa.
Anticorrupción non ten dúbidas de que Ábalos tivo "un papel principal" no caso Koldo
O xefe do Executivo subliñou, como fixera tamén días atrás no Congreso, que asume tres responsabilidades por iso, e a primeira é actuar "con contundencia".
"O Goberno e eu, como secretario xeral do PSOE, actuamos con contundencia hai oito meses, cinco días despois de que se desen a coñecer publicamente algúns dos indicios que agora, efectivamente, parece que se constataron por parte da Garda Civil e da UCO", sinalou.
A súa segunda responsabilidade dixo que foi colaborar coa Xustiza, coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e coa apertura dunha comisión de investigación no Congreso, que precisou que foi pechada co voto afirmativo do Partido Popular.
A iso sumou a súa responsabilidade de trasladar aos cidadáns que vai continuar a súa folla de ruta de avances económicos e sociais.
Preguntado polas versións do Goberno sobre a presenza en España da vicepresidenta de Venezuela Delcy Rodríguez, limitouse a subliñar que sempre dixeron alto e claro o mesmo.
"O que dicimos é que esa visita non se produciu no momento en que se deu a coñecer que había sancións individuais á vicepresidenta do Goberno de Venezuela", engadiu.
"O Ministerio do Interior constata ese extremo e que asegura que esa persoa non entre en solo europeo como así aconteceu", explica Fernando Grande- Marlaska, Ministro do Interior.
Desde o PNV piden máis aclaracións sobre o "caso Delcy" pero respaldan a actuación do goberno na trama Koldo. E non ven en perigo o pacto de inevstidura. "Se alguén presenta algunha proba que di que hai mesmo organizacións implicadas terei que repensalo", asegura Aitor Esteban.
Para o Partido Popular a corrupción é a principal ameaza que ten neste momento España. "O principal proxecto que ten o goberno é a súa propia supervivencia. España ten un conxunto de problemas na súa axenda cando a axenda que máis preocupa ao goberno é a súa axenda xudicial", di Alberto Núñez Feijóo, Presidente do Partido Popular. E pídelle a Pedro Sánchez que dea explicacións.