O Cumio do Cambio Climático decide crear un fondo para os países máis vulnerables

No encontro presentouse un informe da Organización Meteorolóxica Mundial que revelou que o ano 2023 será o máis cálido desde que se teñen rexistros

Acto inaugural do Cumio do Cambio Climático en Dubai
G24.gal 30/11/2023 16:51 Última actualización 30/11/2023 21:29

Dubai acolle desde este xoves o Cumio do Cambio Climático das Nacións Unidas (COP28) e nesta primeira xornada anunciouse a creación do fondo de perdas e danos para compensar os países mais vulnerables ante a crise climática. Esta resolución recibiu promesas de contribución económica por parte de Emiratos Árabes Unidos, Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos e Xapón, entre outros países.

O presidente do COP28 Sultan Al Yaber cualificou de "histórica" esta decisión con que se deu comezo a un evento que espera bater todos os récords de asistencia, cunhas 70.000 persoas.

No seu discurso inaugural, Al Yaber detallou que este cumio chega nunha "encrucillada" en que  malia os avances na loita contra o cambio climático desde o Acordo de París: "Todos sabemos que o camiño que levamos non levará ao destino que queremos a tempo", dixo.

"Non temos máis opción que ir pola vía pouco convencional e ser flexibles, atopar camiños comúns e avanzar con solucións e lograr consenso e nunca perder de vista a nosa Estrela Polar de 1,5 graos, que é o obxectivo ao que vou estar centrado con precisión láser", afirmou.

A boa noticia do inicio da xornada viuse embazada pola realidade climática, reflectida no informe anual do clima da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), que revelou que o ano 2023 será o máis cálido desde que hai rexistros e tamén baterá récords en concentracións de gases de efecto invernadoiro e en retroceso do xeo na Antártida.

A COP28 prolongarase ata o próximo día 12 de decembro e reunirá a miles de líderes globais, activistas, científicos e representantes da industria e a sociedade en busca de solucións nunha encrucillada clave para o futuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade